O Concello de San Sadurniño acaba de rematar o proceso de licitación pública para o contrato de subministración dun novo camión compactador do servizo de recollida do lixo. Non, non é que tamén se lle vaia dár o retiro ao vello, igual que ocorre co tractor forestal que está neste intre en poxa pública, senón que o departamento de Servizos vai contar dentro de pouco cunha segunda unidade máis pequena, máis moderna, máis aforradora e, o importante, capaz de recoller dúas fraccións de lixo ao mesmo tempo. O camión -máis ben un furgón polo seu tamaño- adxudicóuselle á firma catalá Grau Maquinaria i Servei Integral S.L. por un importe de 107.781 euros. A entrega do vehículo demorarase aínda varias semanas, xa que este tipo de equipamento se fabrica baixo pedido atendendo ás especificacións sinaladas por quen compra, neste caso o Concello. Unha vez chegue a San Sadurniño, o compactador cubrirá as zonas onde se vén aplicando desde hai uns anos o sistema de recollida porta por porta, con posibilidade de amplialas agora que vai haber unha ferramenta axeitada para atender máis territorio no mesmo ou incluso en menos tempo.
Nos pregos técnicos publicados polo Concello aló polo mes de xullo marcábanse as características mínimas que debía cumprir o vehículo, que eran, a grandes trazos, a de ter unha potencia mínima de 150 cabalos e contar con dous departamentos para carga e compactado de lixo. O que se buscaba era un vehículo máis lixeiro que o actual camión da recollida, que seguirá utilizándose nas rutas xerais. De feito, o novo funcionará como unha especie de “satélite” deste percorrendo as zonas cunha orografía máis pronunciada ou cun trazado máis difícil e logo depositará cada tipo de resíduo en determinadas illas de colectores polas que pase o camión grande.
Un camión máis pequeno -e novo- supón varias vantaxes. A primeira é un consumo menor. A segunda é a súa maior manobrabilidade en pistas estreitas. A terceira é a de ofrecer maior comodidade e seguridade para o persoal. A cuarta, e quizais a máis importante, é que facendo unha única viaxe poderán recollerse ao mesmo tempo os colectores verde -xenérico- e amarelo -envases- sen ter que andar dando tantas voltas, co que iso implica en aforro de tempo e de gasóleo. O furgón permitirá, en definitiva, ampliar e incrementar a eficiencia do servizo de recollida selectiva do lixo, tanto en termos económicos como ambientais.
Á licitación do contrato presentáronse dúas empresas. A que achegou unha proposta máis vantaxosa foi Grau Maquinaria i Servei Integral S.A. cun prezo de 107.781 euros, ive incluído, que rebaixa en preto de 20.000 euros a contía da licitación inicial.
A firma está especializada en equipamento para servizos de conservación e mantemento urbano e ofertou para San Sadurniño un pequeno camión FUSO Canter -a marca de Mitsubishi desde que foi absorbida pola alemá Daimler AG- cunha configuración cabina-chasis e toma de forza sobre a que se montará o equipamento de carga e apretado, composto por un minicompactador de 5,5 m³ e unha caixa de recollida de 3 m³. O sistema de elevación vén preparado tanto para os colectores pequenos (120 litros) como para os grandes, de 360. O ciclo de descarga complétase en escasos 20 segundos, mentres que o de compactado se estima en arredor de 23.
Malia que o contrato xa está adxudicado, para ver o camión circulando polas pistas de San Sadurniño aínda haberá que agardar algún tempo. E é que este tipo de equipamentos se fabrican e carrozan sobre pedido e atendendo a todas e cada unha das características que sinalan os contratistas de acordo coas súas necesidades. Neste sentido o Concello prevé que o vehículo poida recepcionarse e entrar en servizo antes do remate deste ano.
Máis maquinaria
O furgón de recollida non será o único aparello que se incorporará proximamente ao parque móbil municipal. Cómpre recordar que tamén recentemente se completou a licitación para mercar un novo tractor forestal. O contrato adxudicóuselle á empresa Taller Empalme Villalba S.L., quen subministrará un tractor Deutz-Fahr valorado na súa oferta en 70.500 euros, impostos incluídos.
O novo vehículo virá substituír o tractor Fiat Agri que o Concello ten en venda mediante poxa pública até o próximo 2 de novembro.