Friday 22 de November de 2024

O Concello e a ONG Sen Valos fomentarán a integración de persoas migrantes a través do deporte


O goberno local financiará con 10.000 euros esta iniciativa dentro do seu compromiso coas entidades sociais da cidade

O Concello da Coruña asinou este martes un convenio coa ONG Sen Valos para o desenvolvemento dun programa de mediación e integración de persoas migrantes residentes na cidade a través da práctica deportiva. Esta iniciativa leva o nome de ‘Mediación intercultural con + deporte + xuventude’ e conta cun financiamento municipal de 10.000 euros.

A sinatura produciuse esta mañá en María Pita entre Yoya Neira, concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, e Pachi Hurtado, presidente da asociación Sen Valos. Esta iniciativa forma parte do compromiso do goberno de Inés Rey coas entidades sociais da cidade, coas que xa se asinaron un total de 88 convenios cun importe de máis de 3,5 millóns de euros.

O obxectivo deste proxecto é promover a inclusión social das persoas migrantes novas na cidade e en risco de exclusión social a través da práctica deportiva co apoio da mediación intercultural. Buscarase incrementar a motivación e autoestima destas persoas en idades máis novas de cara a conseguir unha maior participación activa na sociedade. Tamén se busca favorecer a socialización, o establecemento e consolidación de redes sociais e o desenvolvemento de competencias e atributos persoais, ademais de fomentar hábitos saudables e o desenvolvemento de valores persoais e sociais.

As persoas destinatarias deste programas serán 50 rapaces e rapazas migrantes de entre 15 e 24 anos. Forman parte dos seguintes colectivos: persoas latinoamericanas, principalmente da comunidade dominicana, que durante a súa adolescencia abandonan o ensino e actualmente están en situación de desemprego, migrantes chegados recentemente con problemas de adaptación na escola, persoas extuteladas que foron orixinariamente menores non acompañados e persoas magrebíes en situación de risco de exclusión social. Potenciarase a participación de mulleres, sobre todo de Latinoamérica, subsaharianas e árabes.