— Co gallo da efeméride que se celebra este domingo 24 de outubro haberá mostras, espectáculos musicais e de narración oral, visitas guiadas e obradoiros, entre outras propostas, ao longo de varios días
— O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou en rolda de prensa o conxunto de actividades previstas ademais de anunciar o proxecto gañador do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia, outorgado nesta edición á Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Redondela
A Xunta celebra o Día das bibliotecas, o 24 de outubro, cunha ampla programación nos sete centros bibliotecarios xestionados polo Goberno galego, segundo presentou hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Xunto a el participaron no evento as directoras das bibliotecas de Galicia, Noelia Bascuas, da Coruña Miguel González Garcés, María Sol González, de Lugo, Sabela Pérez, de Ourense Nós, Rosa Mª Díaz, de Pontevedra Antonio Odriozola, Alejandra Mosquera, e de Vigo Juan Compañel, Inmaculada Serrano, así como o director da de Santiago Ánxel Casal, Jesús Torres.
Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo anunciou para este venres a inauguración na Cidade da Cultura, sede da Biblioteca de Galicia, da exposición 10 anos da Biblioteca de Galicia. As pegadas dunha década. A mostra ofrecerá ata o 31 de maio de 2022 máis de 70 pezas das coleccións que custodia este centro, con algúns dos documentos máis antigos, como os incunables Libro de las propiedades de las cosas ou Sermones de patientia in Job, ambos do século XV, xunto a outros do ámbito da cartografía, da hemeroteca e do fondo de material especial.
Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o obxectivo é achegarlles aos cidadáns non só as obras físicas, senón os servizos e o labor desenvolvido na instalación central do Sistema de bibliotecas de Galicia. “Porque a responsabilidade da Biblioteca de Galicia non é só o de conservar e catalogar, tamén recolle todo o que se edita na Comunidade a través do Depósito Legal e vela para que o patrimonio bibliográfico galego sexa identificado, descrito e preservado” engadiu.
Ademais, Anxo M. Lorenzo agradeceu a colaboración de “todas as persoas e institucións que lle cederon á Biblioteca de Galicia as súas coleccións nestes dez anos de existencia, para que toda a cidadanía poida acceder á súa consulta, e que contribuíron a enriquecer os fondos dun xeito que sería imposible acadar con medios propios”.
Por outra banda, a Biblioteca de Galicia tamén acolle durante a mañá do día 25 a III Xornada das Bibliotecas Públicas de Galicia. Baixo o lema A biblioteca social, abordarase a función integradora destes centros, como impulsores da participación cidadá e da solidariedade. Así, afondarase no carácter inclusivo, de relación interxeracional, aberto e participativo destes espazos. Para asistir cómpre inscribirse previamente e poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube da Cidade da Cultura.
Nese encontro, como peche, farase entrega do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia que, segundo anunciou o secretario xeral de Cultura recaeu no proxecto Unha biblioteca para Xela, da Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela, no concello pontevedrés de Redondela. A conxugación da innovación e a excelencia na súa concepción, nos recursos innovadores utilizados e no esforzo na súa difusión fixeron esta iniciativa merecente do galardón, dotado con 3000 euros e a entrega dun distintivo.
Finalmente, o secretario xeral avanzou a organización, para mediados de decembro, do Simposio de Bibliotecas Autonómicas, que terá lugar na Biblioteca de Galicia como peche á conmemoración do seu décimo aniversario e que contará coa presenza de representantes de todas as bibliotecas autonómicas, da Biblioteca Nacional de España e do Ministerio de Cultura.
Bibiliotecas da Xunta nas cidades
Na rolda de prensa debullouse tamén a programación prevista co gallo do 24 de outubro nas bibliotecas xestionadas pola Xunta nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Para participar cómpre realizar inscrición previa ou retirar os convites, segundo se informa nas respectivas webs.
No caso da Coruña, o venres haberá unha xornada de portas abertas con visitas guiadas ás 12,00 e 17,00 horas, así como o itinerario de autor arredor da historia da cultura da Coruña A Pescadería: o derribo das murallas e o núcleo mariñeiro. Será co historiador da arte Felipe Senén e partirá desde a Praza de María Pita ata a de Pontevedra. Nesta mesma xornada, pola mañá, ás 11,00 horas, impartirase un obradoiro de escritura creativa con María Jesús Molina Raspal. Xa ás 19,00, terá lugar o faladoiro Senlleiras, coa autora Antía Yáñez.
O sábado ofrecerase tamén unha visita guiada, ás 11,00 horas, e todas as persoas que se acheguen ao centro e leven un libro de préstamo ou fagan o carné da biblioteca recibirán un agasallo A música poraa Pablo Díaz xunto ao guitarrista Rubén Barros, co concerto Novas vellas melodias ás 12,00 horas.
Na Biblioteca Pública de Lugo, o dia 22 ás 18,00 horas, haberá o contacontos para a primeira infancia Redondo, a cargo de Caramuxo Teatro. Trátase dun espectáculo visual que xoga coas formas dirixido especialmente a bebés de ata 3 anos e para desfrutar en familia. Pola súa banda, en Ourense, a Biblioteca Pública Nós adianta a celebración ao xoves co concerto Novas vellas melodías, a cargo de Pablo Díaz.
Na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola tamén será protagonista a narración oral, da man de Bea Campos na sesión Contos para celebrar o Día das Bibliotecas. Dirixido a público familiar, terá lugar o venres ás 18,00 horas.
En Compostela, a Biblioteca Pública Ánxel Casal comeza a celebración xa o mércores, ás 17,30 horas, cun obradoiro de radio, Twitch, YouTube e outras plataformas de streaming a cargo de Geo e dirixido a público de 10 a 17 anos. O xoves ás 18,30 horas será a quenda do espectáculo para público familiar Ramona Órbita, a dona do tempo, a cargo de Pakolas. Nesta presentación do seu último libro-cd, o artista conta e canta a historia de Ramona, unha muller labrega e científica do Courel, que posúe unha horta cibernética e unha máquina do tempo.
O venres 22 haberá unha xornada de portas abertas con visita guiada extraordinaria aos espazos menos coñecidos da biblioteca, e a entrega de lotes de libros ás persoas que levaron en préstamo o maior número de títulos neste ano. Ás 18,30 horas terá lugar o contacontos O chineiro da tía María, a cargo de Xandobela, para público familiar. Trátase dun espectáculo que emprega e adapta a técnica tradicional europea do “cantastorie”, no que se mesturan a narración de historias, as pinturas en grandes lenzos e a música cooperativa.
O sábado ás 12,00 horas desenvolverase unha nova sesión de narración oral con Outra vez!, a cargo de Vero Rilo. O luns 25 ás 11,30 horas chegará Tecendo soños, un obradoiro destinado a bebés a cargo de EmanArte, para aprender arrolos de tradición oral e xogar coas crianzas ao tempo que se realiza estimulación sensorial.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública Juan Compañel, en Vigo, ofrece o xoves 21 ás 18,00 horas o espectáculo de narración oral Historias no mar, de Olga Abad, no que fala da relación du avó, mariñeiro retirado, coa súa neta, que vive na cidade. O venres, ademais dunha xornada de portas abertas con visitas guiadas ás 12,30 e ás 18,00 horas, haberá o obradoiro de imprenta creativa a cargo de Alouette Machine, ás 18,30 horas. Dirixido á rapazada de 6 a 10 anos, nel practicarase a escrita de postais con tipografía e outras técnicas de estampado.
Xa o sábado, ás 12,00 horas, chegará o espectáculo de galicreques As andainas dos Monifates e Don Gaiferos. Nesta mesma xornada desenvolverase o obradoiro de banda deseñada impartido por María Vilar a público a partir de 6 anos para afondar nas formas de expresión e técnicas de traballo que implica a elaboración dun cómic. Ademais, hoxe e o xoves ás 18,00 horas e o sábado, ás 10,30, haberá lecturas infantís e obradoiros en italiano no marco da XX Settimana della lingua italina nel mondo.