Saturday 16 de November de 2024

O V Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede” terá lugar o 26 de decembro e estará aberto a 500 participantes


As inscricións abriranse este venres 22 de outubro, ás 22:00 horas

O Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte organizan a quinta edición do Trail San Silvestre Lousame 2021 “Castelo de San Mamede”, que terá lugar na mañá do domingo 26 de decembro. Un evento que abrirá as inscricións o venres 22 de outubro, ás 22:00 horas, en www.emesports.es.

O V Trail San Silvestre Lousame 2021 “Castelo de San Mamede” volverá incluír dúas modalidades: un trail curto de 14 km de dificultade baixa e un trail longo de 25 km de dificultade media. Os prezos de inscrición serán de 15 euros para o trail curto e 18 euros para o trail longo. En ambos os dous casos, o número de prazas dispoñible é de 250, o que supón cen prazas máis ca na edición de 2020. As inscricións pecharanse ás 23:59 horas do 19 de decembro.

Todas as persoas que participen recibirán un agasallo da empresa Lurbel, principal patrocinador do Trail canda Construccións Fermín Simal SL, Hoka One One, 226ers, Gadis e Autos Comparado. Esta será a segunda vez que o trail San Silvestre de Lousame teña lugar na contorna do monte de San Mamede, despois de que as tres primeiras edicións foran na contorna das minas de San Finx.

O trazado será diferente ao do ano pasado, xa que a saída terá lugar no monte de San Mamede e a chegada será no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, que volverá ser o epicentro da proba. Así, a chegada terá lugar no polideportivo, onde volverá haber servizo de gardarroupa. Dende aí, os corredores serán trasladados a San Mamede por autocares de Autos Comparado para as saídas do Trail Longo (10:00 horas) e do Trail Curto (11:00 horas).