A alcaldesa da Coruña visitou o CEIP Raquel Camacho trala reforma do seu revestimento levada a cabo con fondos municipais
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá as instalacións do CEIP Raquel Camacho, centro público no que vén de rematar a terceira actuación nos últimos anos levada a cabo polo Concello da Coruña para a renovación da súa fachada.
Rey, acompañada polo concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, pola directora do centro, Rosa Mosteiro, pola presidenta da ANPA, Olga Gey, e polo equipo directivo, comprobou en persoa as melloras no revestimento do edificio, que inclúen tamén a substitución das fiestras.
O Concello leva investidos máis de 300.000 euros no Raquel Camacho desde o 2019, dos que 245.000 euros correspóndense cos últimos traballos levados a cabo.
A alcaldesa da Coruña lembrou que só durante o curso 2020-2021 o Concello da Coruña ten investido máis de 500.000 euros en 40 obras levadas a cabo nos centros públicos da cidade, cantidade á que hai que sumar os 300.000 euros en gastos de mantemento nos mesmos centros no que vai de ano. O Concello está xa a tramitar outras 15 actuacións que suman outro medio millón de euros para
acometer diversas melloras.
A rexedora demandou da Xunta unha maior implicación no mantemento e adecuación dos centros educativos da cidade, centros que son na súa maioría de titularidade autonómica e nos que os investimentos do Concello exceden as competencias municipais: “Este Goberno sempre apoiou e apoiará á educación pública, mais pedímoslle á Xunta que faga o mesmo. É preciso non só que asuma os investimentos precisos para que os centros da cidade presten o seu servizo en condicións, senón que é preciso tamén que os dote dos medios humanos necesarios para garantir a calidade educativa e a igualdade de oportunidades”, indicou Rey, que amosou tamén o seu apoio explícito ás demandas das nais, pais, profesores e profesoras dos colexios Ramón de la Sagra, Sagrada Familia, Labaca, Emilia Pardo Bazán e Sanjurjo de Carricarte, centros nos que non se están a cubrir prazas de docentes ou nos que é preciso máis persoal de apoio.