· A proxección terá lugar o xoves, 21 de outubro, e irá acompañada dun coloquio co seu produtor e codirector, Xosé Zapata.
A Casa da Cultura está de estrea. Este xoves, 21 de outubro ás 20.30 horas, a instalación municipal acollerá a proxección de “The Monkey”, a curtametraxe galardoada no Festival de Animación de Lisboa (Monstra) e no Primavera do Cinema de Vigo. A actividade incluirá, ademais do pase da curta, un coloquio posterior co produtor e codirector da obra, Xosé Zapata.
A obra está ambientada no ano 1588. Un náufrago da Armada Invencible -enviada por Felipe II desde Lisboa para conquistar Inglaterra- resulta capturado nunha praia de Irlanda. Alí é xulgado, declarado culpable e aforcado ata a súa morte. Malia que a historia podería semellar razoable, a particularidade é que o prisioneiro protagonista é un mono.
“The Monkey” foi dirixida polo carralés Xosé Zapata e por Lorenzo Degi’ Innocenti, e comezou a súa distribución con máis dunha ducia de seleccións en festivais de todo o mundo. Desde que saíu á luz, este traballo recibiu dous premios. O primeiro, no Festival de Animación de Lisboa (Monstra), onde obtivo o Premio “Mostrinha”. O segundo chegou da man da Primavera do Cinema de Vigo, onde recibiu o Premio do Público á Mellor Curtametraxe Lusófona.
A través do apoio da Deputación da Coruña, a obra estrearase na provincia cunha primeira parada na Casa da Cultura do Concello. O aforo da actividade é limitado, polo que as persoas interesadas en acudir deberán reservar a súa entrada previamente chamando ao teléfono 981 67 25 80.