Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina 27,4 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano para a consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia


— O obxectivo do Goberno galego é afianzar a pegada industrial do polo, impulsar a comercialización de novos produtos e crear emprego cualificado

— Conde destaca que a Aula Newton implantada na Tecnópole espertará na mocidade o interese por actividades con gran demanda no futuro como o aeroespacial

— A iniciativa, dirixida a estudantes de 14 a 16 anos de toda Galicia, está impulsada por Boeing e First Scandinavia en colaboración co Goberno galego e o Parque Tecnolóxico de Galicia para achegar aos máis novos ás materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM)

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia no desenvolvemento do Polo Aeroespacial de Galicia, facendo referencia aos 27,4M€ que destinará o Goberno autonómico a esta iniciativa a través dos seus orzamentos do próximo ano co obxectivo de consolidar a pegada industrial, impulsar a comercialización de novos produtos e crear emprego cualificado.

Así o salientou esta mañá durante a inauguración no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) de San Cibrao das Viñas da primeira Aula Newton permanente de España, un proxecto promovido por Boeing e a organización sen ánimo de lucro First Scandinavia coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa Voando alto, sumando vocacións da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Conde asegurou que esta aula espertará na mocidade o interese por actividades que van ser moi demandadas nun futuro próximo, polo que “vén a achegar aos máis novos o talento, a innovación e sectores como o aeroespacial que teñen tanta proxección desde o punto de vista de xeración de emprego en Galicia”, indicou, facendo referencia a que foi no ámbito no que máis empresas se crearon durante a pandemia en Galicia.

Neste sentido, o vicepresidente económico valorou a capacidade de anticipación da Comunidade coa posta en marcha no 2015 do Polo Aeroespacial e que conta coa colaboración dos socios estratéxicos como Boeing, Babcock e Indra e de máis de 50 pemes e centros de coñecemento galegos.
Así mesmo, apuntou que para a consolidación do Polo vai ser fundamental afianzar o modelo de colaboración público-privada levado a cabo ata o de agora, ao mesmo tempo que indicou que os fondos europeos Next Generation deben supoñer un salto de calidade para este proxecto.

No que respecta á iniciativa privada, Francisco Conde manifestou a súa confianza en que se poidan materializar as boas sensacións recibidas ata o de agora coas dez propostas que se presentaron á convocatoria da Xunta para ser futuros socios industriais desta iniciativa de cara aos vindeiros cinco anos.
Iniciativa pioneira en España
Tras consolidar un gran éxito en diferentes países europeos, a Aula Newton chegou hoxe a Tecnópole co obxectivo principal de que os estudantes de entre 14 e 16 anos se acheguen ás materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) dun xeito innovador e divertido, empregando equipos de alta calidade, colaborando e debatendo.
“Vai ser unha infraestrutura ao servizo dos máis novos que queren ter ese primeiro contacto co desenvolvemento das novas tecnoloxías. Temos que agradecer a Boeing que, no seu compromiso para desenvolver solucións innovadoras e tecnolóxicas, teña na formación unha das súas prioridades”, manifestou Conde. Ademais, asegurou que esta idea chega nun momento no que resulta imprescindible educar na innovación e o emprendemento para estimular o talento nas futuras xeracións.