Friday 22 de November de 2024

A candidatura do Xeoparque de Cabo Ortegal sométese á deliberación do organismo que escollerá as propostas españolas deste ano


A responsable galega subliña a riqueza xeolóxica deste territorio como o seu principal aval e insiste na importancia de apostar por aquelas candidaturas con garantía de éxito

A candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque Mundial continúa avanzando no seu obxectivo de converterse nunha das propostas españolas que se elevarán este ano ante a Unesco. Esta mañá o Comité Nacional Español de Xeoparques (CNEX) reuniuse de forma telemática para deliberar sobre as catro candidaturas existentes (Costa Quebrada, Pegadas de dinosaurio e Vales de Cantabria, ademais da galega) e das que, como máximo, se poderán presentar dúas.

Durante a xuntanza, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, interveu para volver expresar o apoio da Xunta de Galicia ás aspiracións de Cabo Ortegal para converterse en Xeoparque Mundial. Neste sentido, do Campo subliñou a gran relevancia e riqueza do patrimonio xeolóxico singular que caracteriza este espazo, así como o feito de que conte cunha estratexia de desenvolvemento propia relacionada co mesmo.

Estas características, engadiu, converten a Cabo Ortegal nun candidato idóneo para obter este recoñecemento internacional, avalado por uns valores desde o punto de vista xeolóxico que o sitúan como todo un referente a nivel europeo, ademais de lembrar que este territorio non conta con ningunha outra figura outorgada no marco dos distintos programas da Unesco (como os de Reservas de Biosfera ou Patrimonio Mundial).

En todo caso, a directora xeral tamén insistiu na importancia de que as propostas españolas que finalmente se eleven ante a Unesco sexan sólidas e completas, co fin de garantir que teñan as máximas garantías de éxito.

De feito, o ano pasado propuxéronse tres candidaturas e finalmente o CNEX decidiu non presentar formalmente ningunha delas co fin de que os promotores tiveran ocasión de mellorar e madurar as súas propostas.

Cómpre lembrar que as catro zonas aspirantes a Xeoparque Mundial no marco da convocatoria de 2021 presentaron os seus proxectos a mediados do pasado mes de xuño. Tras a formalización das candidaturas, os membros do CNEX abriron un período de tres meses para que puideran remitir os seus proxectos definitivos en liña coas melloras e suxestións que lles trasladaran. Unha vez recibidos os dossieres finais, o obxecto da reunión de hoxe era deliberar sobre o grao de cumprimento dos criterios esixidos por parte de cada unha das candidaturas.

Deste xeito, dáse un último paso antes de que se decida cales serán os proxectos escollidos para loitar pola declaración de Xeoparque. Así, a finais de novembro reunirase de novo o CNEX para deliberar sobre as catro candidaturas e elevar a súa proposta á Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco, que fará a selección final.

Características da zona proposta
O territorio que aspira a recibir este distintivo da Unesco conta cunha superficie de case 630 km2 e unha gran riqueza e variedade xeolóxicas. Nese sentido, a declaración como Xeoparque daríalle un pulo definitivo a estes valores xa coñecidos, abrindo novas oportunidades para garantir a dinamización social, cultural e económica da súa área de influencia, que suma en total unha poboación de máis de 28.000 habitantes.

Se a proposta de Cabo Ortegal resulta unha das dúas seleccionadas por España e finalmente acaba recibindo o aval da Unesco, converterase na segunda figura deste tipo existente en Galicia e dará pé a futuras sinerxías co Xeoparque Montañas do Courel, declarado en abril do ano 2019.

Ademais, esta declaración sumaríase ao resto de distintivos de protección ambiental cos que xa conta este territorio localizado ao norte da provincia da Coruña: catro zonas de especial conservación, dúas zonas de especial protección de aves, dúas áreas de protección Ramsar e dous humedais protexidos.