Saturday 16 de November de 2024

Unha trintena de persoas asistiron en Lousame ás xornadas formativas gratuítas sobre nutrición e planificación en montañismo


Sobreestimación das posibilidades, falta de nivel técnico e falta de planificación da actividade, entre as causas máis cotiás de accidentes en actividades na natureza

As xornadas formativas sobre nutrición e planificación de actividades no medio natural organizadas polo Club Lousame Deporte, en colaboración co Concello de Lousame e a Federación Galega de Montañismo, reuniron a unha trintena de deportistas na Casa da Cultura de Lousame. Unhas xornadas nas que puideron consultar as dúbidas con dous especialistas na materia.

Así, Joaquín F. Gómez, profesor da Escola Galega de Alta Montaña, reflexionou sobre a conveniencia de planificar as actividades na natureza. “A raíz da pandemia, milleiros de persoas botáronse a camiñar pola natureza e atopámonos cun 20% máis de visitas ás contornas naturais. Isto supón tamén un incremento dos accidentes”, advertiu Joaquín F. Gómez.

Entre os datos que ofreceu figuran que o maior número de accidentes teñen lugar cando se vai en parella ou cando se vai en grupos de máis de 3 persoas. “O 75% dos rescatados non están federados e o 58% é por sendeirismo, que é quizais onde máis se baixa a garda”, explicou. Por idades, o maior número de accidentes teñen lugar en persoas de entre 19 e 50 anos, sendo o 29,83% persoas de 31 a 40 anos. “Os precursores dos accidentes son a falta de planificación, a sobreestimación das posibilidades, a falla de nivel técnico, a falta de preparación física e o uso de material inadecuado”, concluíu.

Máximo rendemento

Pola súa banda, Adrián Maroñas, educador físico, readaptador de lesións e dietista-PNI, falou sobre “Educación nutricional para deportistas: buscando o máximo rendemento”. Maroñas fixo fincapé en que “hai unha diferente forma de comer en función do deporte”, deixando dende o principio moi claro que “conseguir rendemento non é igual a saúde”.

Neste sentido, Adrián Maroñas explicou que hai tres tipos de deportes: fosfagénicos, glucolíticos e oxidativos.”Nos fosfagénicos e glucolíticos estamos falando de esforzos curtos e intensos, polo que podedes comer case o que queirades. Outra cousa diferente é co deporte oxidativo, como as carreiras ou o sendeirismo, onde a comida é vital”.