Saturday 16 de November de 2024

O Concello e a Universidade da Coruña asinan un convenio marco de cooperación con sete grandes proxectos conxuntos


O obxectivo do acordo e construír unha Coruña accesible, inclusiva, sostible, participativa e defensora dos valores democráticos e de convivencia.

Inés Rey: “Os proxectos que hoxe referendamos contribuirán decisivamente á construción do novo modelo de cidade que estamos a impulsar dende o goberno local”

A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron este luns un convenio marco de cooperación entre ambas entidades co fin de desenvolver diferentes actuacións en liña co novo modelo de cidade que promove o goberno local.

O convenio asinado hoxe entre ambas institucións é un exemplo da frutífera colaboración que manteñen o Concello e a Universidade da Coruña, así como da aposta firme do goberno de Inés Rey pola educación pública.

A achega municipal axudará a afondar na consecución dunha cidade máis accesible, inclusiva, sostible, participativa e defensora dos valores democráticos e de convivencia coherente coas políticas postas en marcha na Coruña polo goberno municipal.

Para iso, ambas partes comprométense á realización conxunta de diferentes actuacións prioritarias. “Os proxectos que hoxe referendamos contribuirán decisivamente á construción do novo modelo de cidade que estamos a impulsar dende o goberno local”, sinalou Inés Rey durante o acto de sinatura do acordo, celebrado no Reitorado da UDC.

Con este convenio, o Concello da Coruña comprométese a financiar sete liñas de actuación da universidade na cidade. O orzamento total para todas elas ascende a 490.000 euros. “A Universidade da Coruña é un referente en campos do coñecemento como a sostibilidade ou a innovación e con este convenio queremos aproveitar esa potencialidade para poñela ao servizo dos intereses da cidade e dos propios coruñeses e coruñesas”, expuxo a alcaldesa.

A primeira das liñas de actuación será o impulso do Laboratorio da Mobilidade Sostible da Coruña 2021. Tratarase dun espazo no que se concentrará toda a información relacionada coa mobilidade na contorna xeográfica da cidade co obxectivo de poder avaliar posibles actuacións de mellora da mobilidade e formulacións estratéxicas para os servizos de transporte público urbano.

A segunda liña de actuación está relacionada coa reordenación da fachada litoral da cidade. O Concello e a UDC colaborarán na elaboración dun Plan Director de Ordenación que sente as bases para a futura ordenación urbanística do actual sistema xeral portuario. Con esta medida o Concello quere dar prioridade máxima á integración do porto na cidade, considerando de grande interese a visión e aportación da Universidade.

A terceira liña tamén está vencellada ao ámbito da sostibilidade. Trátase dun acordo de colaboración en educación e xestión medioambiental. Este proxecto permitirá seguir desenvolvendo actividades conxuntas na xestión dos residuos, a auga ou a enerxía. A cuarta liña trata sobre o fomento dos hábitos saudables e da práctica do deporte a través da cesión de instalacións e a adquisición de material.

A quinta liña de acción é de mellora e reposición das infraestruturas viarias do campus universitario da Coruña. Trátase do proxecto que conta con maior investimento municipal, cun total de 240.000 euros. Permitirá reparar a rúa Fraga e o seu paso entre a Facultade de Ciencias e a praza da Escola de Arquitectura, ademais de abrir novos espazos públicos no Campus de Riazor mediante o acondicionamento da contorna do edificio A Normal- Espazo de Intervención Cultural.

O sexto punto do acordo é o proxecto Coruña Inclusiva. A Universidade comprométese a investigar sobre as desigualdades e diversidades que desembocan en colectivos sociais marcados por características de vulnerabilidade e precariedade, con especial atención á incidencia da violencia sobre as mulleres. A sétima e última liña de actuación tratará sobre a investigación dos valores democráticos e recuperación e divulgación da memoria colectiva.

“Este convenio marco permitirá afianzar máis os nosos lazos de colaboración e seguir achegando conxuntamente para a mellora da cidade da Coruña e da calidade de vida dos seus cidadáns e cidadás a través do desenvolvemento destes sete proxectos que estou segura serán enriquecidos e mellorados grazas á achega e ao traballo do excelente equipo docente e investigador que forma parte da Universidade da Coruña”, sinalou a alcaldesa.

A continuación, as principais liñas de actuación e o seu orzamento

Liña de actuación                                    Importe
Transporte e Mobilidade Urbana       60.000 euros
Reordenación do espazo urbano         50.000 euros
Mellora das infraestruturas da UDC  240.000 euros
Educación e xestión medioambiental 10.000 euros
Coruña Inclusiva                                     25.000 euros
Valores democráticos                            40.000 euros
Hábitos saudables e deporte             45.000 euros