A vixésimo terceira edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán prosegue desenvolvéndose na Pobra do Caramiñal. Así, para esta semana cóntase cun programa de actividades que se traduce en varias representacións teatrais, unha exposición conmemorativa e unha conferencia.
No eido de funcións teatrais destinadas especificamente ao público escolar, Cachirulo levará A cabeza do dragón ao CEP Pilar Maestú Sierra no mércores 20, ás 11.00 horas; e fará o propio no CEP Salustiano Rey Eiras durante a xornada do xoves 21, ás 11.00 e 12.00 horas.
Por outra banda, no venres 22 efectuarase a apertura da exposición conmemorativa Ramón del Valle-Inclán convidado especial da República de México, depósito de Xaquín del Valle-Inclán Alsina. Será no Museo Valle-Inclán, ás 20.00 horas. Deseguido, procederase co coloquio De Galicia a México: Valle-Inclán 1921, a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina; unha intervención con imaxes proxectadas que terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán.
E, no sábado 23, ás 20.00 horas, Airiños Teatro realizará no teatro cine Elma a lectura dramatizada Galicia e Valle-Inclán, versión en galego dun texto de Castelao, así como a representación de contos breves de ficción galega como Malpocado, Un cabecilla, O meu bisavó e Os ollos que viron, escritos por Valle-Inclán.
Requírese a inscrición previa a través do enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal ou dos teléfonos de contacto 981831662 e 681173484. Está exento o teatro escolar, pois o público asistente será o propio alumnado dos referidos centros educativos. As actividades son de balde e seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.