Friday 22 de November de 2024

Nava Castro destaca a importancia da innovación e das novas tecnoloxías para acadar un sector turístico competitivo


A directora de Turismo de Galicia participou hoxe, xunto co presidente da Deputación de Pontevedra, na rolda de prensa de presentación da nova campaña de promoción das Rías Baixas para este ano 2015

A directora de Turismo de Galicia participou hoxe na rolda de prensa de presentación da nova campaña de promoción das Rías Baixas para este ano 2015.

Durante a mesma, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, explicou ante os medios as accións previstas para a promoción das Rías Baixas, neste ano no que a xestión do destino cumpre 30 anos na Deputación que preside.

Co motivo da dita celebración do 30 aniversario a Deputación de Pontevedra ten planificadas varias actuacións entre as que destaca a campaña de promoción que ten como obxectivo chegar ao destinatario final, ao viaxeiro, ao turista, para que se decante polas Rías Baixas como destino.

A directora de Turismo de Galicia destacou na súa intervención a importancia que acadou o sector turístico en Galicia que representa preto do 11% do Produto Interior Bruto e máis do 11% do emprego. “Estas cifras corroboran que o turismo é unhas das industrias mais potentes da nosa comunidade e un dos sectores que máis está sendo capaz de xerar emprego en Galicia”, afirmou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia explicou que dende a Xunta de Galicia apostase firmemente por este sector e procurase a incorporación da innovación, a calidade e a competitividade ao seu modo de evolucionar.

Nava Castro destacou que a modificación dos hábitos de consumo e da forma de se relacionar os turistas e as empresas de servizos turísticos debido, en boa parte, aos cambios tecnolóxicos dos últimos anos, afectan en grande medida á relación dos turistas co destino. Neste senso, afirmou que é necesario dar un impulso ao emprego das novas tecnoloxías das que dixo “constitúen non só un valor engadido senón un requisito imprescindible para a prestación de servizos, a captación de turistas e de novos mercados, a mellora da eficiencia no seu funcionamento, o aforro de custes e a capacidade de dar respostas áxiles para actuar rapidamente fronte aos cambios.”
Un sector turístico competitivo
A directora de Turismo de Galicia afirmou que “o sector turístico galego debe afianzarse como un sector competitivo”, e, engadiu que “para elo é necesario traballar sobre a capacitación do sector empresarial, a innovación e o emprego de novas tecnoloxías nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión”.

Nava Castro explicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia centra unha das súas liñas estratéxicas no fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.

Neste senso, Nava Castro informou de diversas accións que se están levando a cabo dende a Xunta de Galicia para o impulso de melloras na xestión e na innovación do sector destacando a posta en marcha do Plan Smart Turismo e o Smart Camiño, o impulso á creación de destinos intelixentes, Smart Destinations, da provincia de Pontevedra, e o apoio ao desenvolvemento da Smart City en A Coruña, entre outras.

“Con todas estas iniciativas consolidaremos un sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, cunha visión internacional”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

Plan Smart Turismo
O proxecto Smart Turismo, posto en marcha por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), abarca o desenvolvemento de catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o Camiño de Santiago.

Un dos elementos chave do Plan Smart Turismo entrará en funcionamento neste ano 2015. Trátase da plataforma tecnolóxica única á disposición de todos os axentes turísticos de Galicia para optimizar os procesos de xestión, de información e de inspección.

Deste xeito, ao longo deste ano, a plataforma ofrecerá un rexistro único de todos os recursos turísticos e un sistema de soporte integral á inspección turística, incluíndo a xestión do ciclo completo da inspección, desde a súa planificación, asistencia durante proceso, e tramitación das infraccións e sancións.