Friday 22 de November de 2024

O Concello oferta 2.000 prazas de formación en liña para promover a inserción laboral


O luns abre o prazo de inscrición para realizar formación en liña con máis de 50 accións formativas que pretenden potenciar a dixitalización

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, que dirixe Jesús Celemín, vén de poñer en marcha unha nova convocatoria de cursos de formación en liña, de carácter gratuíto, orientados a facilitar a inserción laboral.

O luns abre o prazo de matrícula dunha nova iniciativa de formación en liña que ofertará un total de 2.000 prazas en 50 accións formativas distintas. Trátase dunha medida deseñada para persoas desempregadas, en situación de ERTE e profesionais. Os requisitos para realizar esta formación integramente en liña son ser maior de 16 anos e estar empadroado/a no Concello da Coruña.

Desde o Goberno de Inés Rey lembran que todas as accións formativas implican competencias moi demandadas na dixitalización que está a experimentar o mercado actual. Estas estarán dispoñibles integramente en liña e accesibles na modalidade 24/7, é dicir, durante as 24 horas do día, calquera día da semana. “Trátase de facilitar o acceso á formación para todas as persoas que o precisen, con independencia da súa dispoñibilidade horaria”, indicou o concelleiro, Jesús Celemín.

Cada persoa poderá seleccionar unha acción formativa de calquera das áreas de especialización: idiomas (inglés, francés e alemán en distintos niveis), Microsoft Office (Word, Excel, Access, Power Point, Outlook básicos e avanzados), comercio e márketing (comercio electrónico, venda online, atención en call center, satisfacción ao cliente, manipulación de alimentos), administración de empresas (seguridade informática, firma dixital, notificacións e rexistros electrónico, trámites online coaadministración, comunicación, habilidades directivas…), informática (cloud computing, redes, maquetación dixital, impresión 3D, deseño gráfico, arcgis…) e prevención de riscos laborais (multisectorial, prevención da tensión laboral, prevención de riscos laborais en oficinas, no sector químico, emerxencias e evacuación…).

A información sobre esta formación en liña e as súas particularidades pódese consultar de forma detallada na web municipal www.coruna.gal/emprego/gl a partires do luns 18 de outubro.