Friday 22 de November de 2024

A recoñecida escritora Mercedes Cebrián gaña a primeira residencia Cidade da Coruña


As axudas enmárcanse dentro das medidas de apoio ao sector cultural postas en marcha desde o Concello

A primeira bolsa en residencia impulsada polo Concello da Coruña na Residencia Literaria 1863 da rúa Rego de Auga xa ten dona.

As dúas entidades promotoras nomearon un comité de avaliación que estivo composto pola encargada das Bibliotecas Municipais da Coruña, María Esperón, e polos recoñecidos novelistas residentes na cidade herculina Blanca Riestra e Celso Castro. Tras unha atenta deliberación, entre as sete candidaturas presentadas escolleron a de Mercedes Cebrián, nada en Madrid en 1971.

Así, ao longo do vindeiro mes de novembro, a consagrada escritora residirá no número 46 dunha rúa na que naceu unha das autoras que máis admira, Emilia Pardo Bazán. Durante os seus días coruñeses, afastarase das súas distraccións e obrigas diarias para mergullarse de cheo no desenvolvemento do proxecto de ensaio-crónica que presentou a esta convocatoria, mentres se integra na rica vida cultural da cidade. Encontros con outros autores/as e creadores e creadoras da cidade, visitas a museos e entrevistas con editoriais e medios serán outros dos alicientes desta oportunidade na que o Concello da Coruña cobre a súa estadía, transporte e estipendio.

Sen dúbida a contorna do casco histórico inspirará a concentrada estadía da escritora, enriquecendo a súa escrita de referencias e aprendizaxes.

O libro máis inminente da autora madrileña é a ‘memoir’ Cocido y Violonchelo, a piques de ver a luz en Literatura Random House. Publicou tres poemarios –titulados Muchacha de Castilla, Malgastar e Mercado común– na editorial La Bella Varsovia, e as novelas El genuino sabor e La nueva taxidermia en Literatura Random House, entre outros libros. Ademais, a antoloxía da súa obra Oremos por nuestros pasaportes viu a luz en Random House Argentina en 2012.Colabora coa revista Letras Libres e cos suplementos El Viajero e Babelia de El País así como o Cultura/s de La Vanguardia. Ademais, traduciu ao castelán a Sigrid Nunez, Georges Perec, Alan Sillitoe, Miranda July e Alain de Botton. Foi bolseira de literatura na Residencia de Estudiantes de Madrid e na Academia de España en Roma; tamén no Civitella Ranieri Center, no museo MALBA de Bos Aires e na Fondazione Santa Maddalena de Florencia. Ten un Máster en Estudos Hispánicos pola Universidade de Pennsylvania e outro pola Universidad de Londres-Birkbeck. Durante 2018 foi editora convidada do selo Caballo de Troya (Penguin Random House).