Saturday 23 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño saca a poxa pública o tractor máis antigo do seu parque móbil


O Concello de San Sadurniño ten publicado na plataforma de contratación o procedemento de alleamento do tractor máis vello do parque móbil municipal, un Fiat Agri 110-90 DT matriculado en 1994 que en breve será substituído por outro novo que acaba de licitarse e que o consistorio recepcionará en cuestión de días.

A venda do antigo tractor tramitarase mediante poxa á alza sobre un prezo base de 8.000 euros. As empresas e persoas interesadas en facerse co vehículo deberán presentar as súas propostas por vía electrónica segundo se estipula no prego de prescricións administrativas. O prazo finaliza o próximo 29 de outubro ás 23:59h.

No lote inclúese a pá hidráulica leva montada na parte dianteira, pero non a rozadora traseira, posto que está previsto instalala no tractor forestal mercado recentemente polo Concello por un importe de 70.500 euros.

O Fiat Agri presenta un estado de desgaste xeral motivado polo uso intensivo dos últimos 26 anos, tempo no que traballou principalmente na limpeza viaria. O Concello optou por desfacerse del ante o incremento dos gastos de mantemento e, máis que nada, pensando na saúde e seguridade dos operarios que o manexaban a diario sentados durante horas nunha cabina incómoda e pouco ergonómica.

Malia a súa aparencia e idade, as boas referencias do tractor están avaladas pola recoñecida dureza deste modelo agrícola de Fiat e polo estrito programa de mantemento que se seguiu no Concello desde que se mercou novo en 1994.

Ademais, o vehículo está en orde de circulación e coa itv en vigor, polo que pode ser unha opción interesante como tractor de apoio en explotacións agrogandeiras -a pá é un punto a favor- e como máquina motriz de apeiros que se moven pouco do sitio, como por exemplo carros mesturadores ou picadoras de leña.