Os concellos promotores traballan na definición do plan de usos das instalacións e aproveitarán o ciclo para recoller propostas que se axeiten ás necesidades das futuras usuarias e usuarios
Tras meses de obras e despois de facer investimentos en equipalo, o Centro de Apoio ao Medio Rural A Fusquenlla xa está listo. As instalacións situadas no recinto feiral de Moeche contan con salas para a recepción de produtos, un amplo espazo para a elaboración de conservas e zumes e dous andares dedicados á extracción, decantado e envasado de mel, ademais de almacéns, unha grande cámara frigorífica e outras dependencias auxiliares. O centro -integrado na rede provincial de espazos de traballo colaborativo- quere converterse no referente comarcal para todo o relacionado coa transformación alimentaria, facilitándolles tanto ás pequenas explotacións como a particulares un lugar axeitado e con todas as garantías sanitarias onde procesaren os seus excedentes para a venda ou autoconsumo. O proxecto, que conta desde hai uns días con web propia, inicia agora o momento de dárse a coñecer entre as súas futuras e futuros usuarios. Por iso, os catro concellos promotores -Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño- acollerán a partir da próxima semana un ciclo de charlas ofrecidas polo cociñeiro Antonio Díaz que inclúen demostracións sobre distintos elaborados que se poderían facer nas instalacións. A finalidade das sesións -que requiren inscrición previa- é falar d’A Fusquenlla, pero tamén chamar a atención sobre o alto valor engadido que teñen os produtos da terra transformados e, sobre todo, facilitar que as persoas interesadas se sumen ao proxecto.
A Fusquenlla é un centro de apoio ao desenvolvemento rural orientado á transformación alimentaria de produtos do agro. Trátase dun espazo para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc. A idea é que as pequenas explotacións e particulares da zona poidan procesar alí as súas colleitas, xa sexa para autoconsumo ou para dárlle saída aos excedentes, contribuíndo desta maneira a complementar as economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento no territorio.
As instalacións, situadas nunha das naves do recinto feiral de San Ramón, en Moeche, están dotadas con todo tipo de equipamento profesional e deseñadas para garantir o cumprimento da esixente normativa sobre seguridade, sanidade, etiquetaxe e trazabilidade alimentaria.
O centro dispón no seu andar baixo de dúas zonas de recepción de materia prima con accesos idependentes, unha para froita e vexetais e outra para mel. A primeira delas conta con báscula de pesaxe, cámara de almacenamento e un espazo onde mesmo se pode facer unha primeira clasificación e limpeza antes de iniciar o proceso de transformación ou envasado. Ao conxunto de estancias engádense vestiarios, aseos, recunchos de almacenaxe de material de limpeza e outros equipamentos, así como unha pequena oficina para a levanza dos rexistros obrigatorios.
Un dos principais lugares d’A Fusquenlla é a zona de conservas e zumes. Nela instaláronse unha cociña industrial, un forno combi de alta capacidade para cocción, asado e pasteurización, a mesa de traballo con refrixerador e outros materiais necesarios, como son mesas e carros auxiliares, a batedora, a tamizadora, as básculas de precisión, a máquina lavalouzas e unha completa batería de potas, cazos, coitelos, garfos e outros utensilios.
Noutra banda desta mesma sala sitúanse a trituradora de froita e a prensa hidráulica para o apretado e filtrado de zumes, aos que logo se lles poderá dar un tratamento térmico para alongar o tempo de conservación mantendo todas as súas propiedades.
O recinto complétase con dous almacéns para o produto xa elaborado. Un está ao carón da cociña, mentres que o outro se encontra na zona de extracción e envasado de mel. Esta área d’A Fusquenlla -que tamén ten entrada propia de materia prima- distribúese en dous andares unidos por unha escaleira interior. No superior van colocadas a desoperculadora automática e máis o extractor por centrifugado, con capacidade para 18 cadros de cada vez. Dúas tubaxes comunican esta sala coa do baixo, onde o mel cae por gravedade directamente aos tanques de decantación e desde alí pasa a unha moderna máquina de envasado que axiliza o traballo sen que se haxa perdas dun produto tan saboroso e prezado.
Plan de difusión e dinamización do centro
O percorrido polas instalacións pode facerse desde hai uns días visitando a web www.afusquenlla.gal, posta en marcha dentro dun programa de difusión financiado pola Consellaría do Medio Rural que tamén prevé a publicación doutro material informativo e un ciclo de charlas demostrativas durante os venres das próximas semanas. Delas encargarase o cociñeiro Antonio Díaz, promotor de varias iniciativas hostaleiras relacionadas coa posta en valor do produto de proximidade da nosa zona.
O chef -que rexentou durante quince anos o restaurante Andarubel, no acceso ás Fragas do Eume- falará sobre o potencial culinario do produto local conservado preparando ao vivo distintos pratos, ademais de incidir no alto valor engadido que teñen este tipo de elaboracións sempre e cando se use materia prima da máxima calidade e se lle dea un toque innovador tanto aos procesos como á presentación do produto final.
As datas fixadas para as charlas son as seguintes:
San Sadurniño. Venres 22 de outubro – Casa da Cultura 18:00h
Valdoviño. Venres 29 de outubro – Casa da Cultura 18:00h
Moeche. Venres 12 de novembro – Nave do Mercado 18:00h (con visita guiada ás instalacións)
Cerdido. Venres 19 de novembro – Casa da Cultura 18:00h
Para participar neste ciclo fai falla inscrición previa, a través deste formulario en liña, xa que só se ofrecen 25 prazas para cada unha das charlas (inscricións ata dous días antes). Ademais, dentro da campaña de difusión do proxecto programouse unha visita ao Centro de Transformación e traballo colaborativo de Brión o 5 de novembro e tamén haberá un posto informativo nas feiras do 11 e o 23 de Moeche.
Alén de dár a coñecer os obxectivos d’A Fusquenlla, o plan de difusión tamén pretende propiciar o encontro entre persoas da zona interesadas en utilizar as instalacións cando entren en funcionamento, despois de recibiren a formación oportuna para o manexo do equipamento.
Espazo formativo e para a colaboración
A Fusquenlla quere ser tamén un espazo para a formación. Con apoio técnico da Consellaría do Medio Rural e doutras entidades especializadas preténdese ofrecer unha programación estable de cursos arredor da transformación de produtos do agro e facilitar a colaboración entre as pequenas produtoras e produtores, compartindo ideas, técnicas e proxectos que melloren o posicionamento no mercado das súas elaboracións.
Neste sentido, o centro forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo promovida pola Deputación da Coruña co ánimo de favorecer a posta en marcha de novas iniciativas que potencien o aproveitamento dos nosos recursos e a creación de emprego sostible.
A Fusquenlla é un proxecto dos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño con axuda do Programa Leader-Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural. En paralelo á campaña de difusión, os catro concellos promotores traballan xa na definición do plan de usos das instalacións, para o que agardan recoller distintas propostas aproveitando o ciclo de charlas.