A directora e o xerente de Turismo de Galicia resolveron as dúbidas do sector sobre as axudas que o Goberno galego ten abertas para a dixitalización e a subvención de equipamentos poscovid, dotadas cun total de 12M€.
Nava Castro destacou o excelente traballo do sector turístico que, xunto ao apoio do Goberno galego, está a permitir situar a Galicia á cabeza da recuperación turística a nivel nacional
A directora e o xerente de Turismo de Galicia, Nava Castro e Emilio de la Iglesia, mantiveron un encontro online con preto de 250 profesionais do sector turístico, maioritariamente hoteleiros e restauradores galegos, co obxectivo de resolver dúbidas sobre as dúas últimas convocatorias de axudas, dotadas cun total de 12 millóns de euros e destinadas por un lado a subvencionar investimentos en equipamentos poscovid dos establecementos hostaleiros cun investimento de 6 millóns e, por outro, para promover a súa dixitalización e a mercadotecnia dixital, con outros 6 millóns de euros.
Trátase de dúas das medidas que o Goberno galego está a despregar neste último cuadrimestre do ano dentro do paquete de novas medidas para inxectar liquidez e impulsar a renovación do sector turístico galego, cun investimento total de case 16 millóns de euros.
Nava Castro destacou o excelente traballo levado adiante polo sector turístico galego desde o comezo da crise, “amosando a súa capacidade de traballo, profesionalidade e adaptación para dar resposta adecuada ás novas esixencias sanitarias e de servizos para o viaxeiro pospandemia”, que permitiron que Galicia se situara á cabeza da recuperación da demanda turística a nivel nacional, sendo o único territorio que recuperou en agosto cifras de ocupación prepandemia. Un obxectivo que foi posible grazas ao traballo conxunto de sector privado e do apoio do Goberno galego, que con medidas coma estas segue a apoiar ao sector neste proceso de adaptación, na mellora da competitividade e na revitalización da oferta turística.
Así, a Xunta destina 6 millóns de euros a subvencionar investimentos en equipamentos postcovid dos establecementos hostaleiros cos que se financiarán gastos como a instalación de equipamentos domóticos, rotulación, sistemas de desinfección, entre outras accións. Esta liña de axudas ten aberto o seu prazo de solicitude ata o 25 de outubro.
Os outros 6 millóns de euros permitirán promover a dixitalización e a mercadotecnia dixital entre os establecementos hostaleiros para financiamento de produtos e servizos de márketing para a fidelización e captación de clientes, accións vencelladas ás paxinas web corporativas, a adquisición de equipamentos tecnolóxicos que confiran seguridade sanitaria ou os gastos derivados dos sistemas de control do teletraballo. O seu prazo de solicitude remata o vindeiro 8 de novembro.
Con estas novas axudas, son xa máis de 31,2 millóns de euros os investidos este ano pola Xunta en convocatorias para o sector turístico destinadas a empresas, asociacións e concellos, xunto cos 90 millóns de euros que recibiron os negocios de hostalería dos dous primeiros Plans de Rescate do Goberno galego. En total, o investimento da Xunta este 2021 para reactivar o turismo galego trala pandemia ascende aos 120 millóns de euros.