Saturday 16 de November de 2024

A Xunta pon en valor o potencial do xeodestino Arousa Norte ao que este ano a Xunta destina 48.000€ para o seu desenvolvemento turístico


― O delegado da Xunta na Coruña informou do convenio de colaboración asinado coa entidade e destacou a súa capacidade de innovar para reforzar os seus atractivos turísticos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes da mancomunidade de municipios da ría de Arousa zona norte, que preside actualmente o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

No encontro o representante do Goberno autonómico informoulles do recente convenio asinado con esta mancomunidade que contempla un investimento de 48.000 euros para a subvención de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo. Pola súa parte, a mancomunidade tamén levará a cabo unha achega de 12.000 euros.

Trenor destacou que este apoio económico permitirá a promoción do turismo náutico e gastronómico dos concellos. Concretamente, no eido do turismo náutico apoiarase a creación dun equipamento dunha rede de bases náuticas e no eido gastronómico promocionarase a marca A Conserva a Orixe e a organización do evento Barbanza Arousa+Que Tapas.

O convenio tamén contempla a posta en valor do Camiño do Barbanza. A Orixe. Ademais, inclúe a proposta de elaboración dun produto turístico de calidade para esta zona, a creación dun banco fotográfico e a asistencia a feiras turísticas.

O delegado da Xunta subliñou que “Arousa Norte é un dos destinos galegos que se caracteriza pola súa implicación e esforzo no desenvolvemento de produtos turísticos innovadores”. E engadiu que para “continuar traballando neste liña, o convenio de colaboración que hoxe se presentou establece as bases para a subvención de actividades para seguir colocando esta zona entre os principais destinos turísticos entre os visitantes que se achegan a Galicia”.

Os obxectivos que recolle pasan pola consolidación do xeodestino Arousa Norte como destino accesible; o afianzamento da colaboración público-privada a través da cooperación do sector turístico empresarial da zona e a realización de actividades de promoción e a creación dunha Imaxe que ademais de ser representativa do xeodestino, implique á industria da zona no seu desenvolvemento.