― Marie Boileau chegou a Santiago polo Camiño Primitivo acompañada do seu marido, completando o seu quinto camiño
― A directora de Turismo de Galicia e o delegado de peregrinacións da Catedral fixéronlle entrega dun agasallo xunto á certificación
― Nava Castro puxo en valor as boas cifras de viaxeiros e peregrinos e destacou o inicio da recuperación do mercado internacional
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado de peregrinacións da Catedral, Segundo Pérez, recibiu hoxe no Centro Internacional de Acollida á peregrina francesa Marie Boileau, á que se lle fixo entrega do certificado que a acredita como a peregrino número de 150.000. Boilaeu, que comezou o seu Camiño en Oviedo acompañada do seu marido, remataba hoxe o seu quinto Camiño de Santiago, nesta ocasión o Primitivo. Ademais de recoller a certificación, foi agasallada coa visita ao Pórtico da Gloria da Catedral e cunha fin de semana no programa Outono Gastronómico, que se está a desenvolver no turismo rural galego.
Coa superación desta nova cifra na entrega de certificacións de peregrinación, Nava Castro constatou a recuperación do Camiño “que está a amosar toda a súa fortaleza e puxanza como motor co que Galicia está a situarse á cabeza da recuperación da demanda turística a nivel nacional” así como a efectividade das mensaxes de Galicia e o Camiño como destinos turísticos seguros e ideais para viaxar. A directora de Turismo de Galicia fixo fincapé nas excelentes cifras de chegada de viaxeiros tanto neste verán como na última ponte así como de peregrinos, que están a permitir que o noso territorio estea no “bo camiño” coa vista posta en recuperar o mercado estranxeiro en 2022. Puxo en valor as boas cifras de viaxeiros e peregrinos e destacou o inicio da recuperación do mercado internacional, onde xa son case o 30% dos que recolleron a certificación este ano.
No que vai de mes de outubro, xa se entregaron preto de 16.000 compostelas, o 6% delas corresponderon a peregrinos que optaron como Marie Boileau polo itinerario Primitivo, unha porcentaxe moi similar á dos que o optan polo Camiño Inglés. A variante francesa e o Portugués, non obstante, seguen sendo os itinerarios maioritariamente escollidos polos camiñantes, co 55% e o 18%, respectivamente.
Nestes últimos meses cómpre destacar tamén a progresiva recuperación da peregrinación internacional, fortemente afectada polas restricións de mobilidade durante a pandemia. Portugal, Italia, Alemania e Francia son os principais países de procedencia dos peregrinos que chegaron este ano a Santiago.