― O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a fervenza do Ézaro onde se reparou a súa pasarela grazas a estas axudas
― O representante do Goberno autonómico informou que ata o 18 de outubro está aberto o prazo para unha nova orde para que os concellos de menos de 10.000 habitantes soliciten de novo subvencións para mellora, creación ou rehabilitación de recursos ou infraestruturas turísticas
― A orde, dotada con 3,5M€, forma parte do paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego, dotado de case 16M€ de euros para continuar a inxectar liquidez ao sector turístico
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a fervenza do Ézaro na que se levou a cabo a reparación da pasarela de acceso á fervenza.
Esta actuación foi posible grazas a un investimento da Xunta de 30.000 euros que se inclúe dentro das axudas do Goberno galego para a mellora das infraestruturas turísticas dos municipios. Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, informou Trenor, a Xunta apoiou o ano pasado 8 actuacións que contaron cun investimento total de máis de 162.000 euros no concellos de Carballo, Cee, Cerceda, Dumbría, A Laracha, Ponteceso, Vimianzo e Zas.
O delegado da Xunta informou tamén que a Xunta abriu unha nova liña de axudas para actuacións de mellora en infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes, que xa rexistrou máis dun cento de solicitudes. Trátase dunha convocatoria de subvención dotada cun orzamento de 3,5M€ que ten coma obxectivo seguir modernizando e dinamizando o sector turístico galego.
Trenor recalcou que con esta orde de axudas “buscamos seguir consolidando a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”. “Esta obra na fervenza é un bo exemplo do tipo de iniciativas que saen adiante con estes apoios”, subliñou.
Estas actuacións buscan a posta en valor turístico dos recursos, precisamente o mesmo obxectivo da orde de axudas de 3,5 millóns de euros destinadas aos concellos de ata 10.000 veciños que seguen a ter o seu prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 18 de outubro.
A través desta liña a Xunta financiará o 100% das actuacións dirixidas ao embelecemento de accesos aos recursos turísticos, instalación ou mellora da iluminación ornamental; creación ou acondicionamento de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou rutas ou a adecuación dos espazos para o estacionamento de vehículos; eliminación de barreiras arquitectónicas ou sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna, entre outras accións. Os beneficiarios serán sempre concellos de ata 10.000 habitantes beneficiario cunha contía máxima por axuda concedida de 30.000 euros.
Esta liña de axudas encádrase no paquete de axudas de case 16 millóns de euros aprobado a comezos do mes de setembro para darlle continuidade ás medidas de apoio e reactivación do sector turístico por importe de 31,2M€ das diferentes convocatorias destinadas a apoiar ao sector. En total o Goberno galego destinará este ano 120M€ ao impulso da hostalería e a industria turística galega, entre os 31,2M€ das distintas convocatorias de axudas e os case 90M€ abonados aos hostaleiros a través dos dous primeiros Plans de Rescate.