Friday 22 de November de 2024

A Xunta amplía ata os 920.000 € a orde de axudas á prevención de danos causados polo lobo para atender ás máis de 900 solicitudes recibidas


— O Goberno galego destinou nos últimos seis anos 4,6 millóns de euros en subvencións para a adquisición e instalación de medidas preventivas fronte aos danos que ocasiona a especie, así como para indemnizacións

— A orde que publica hoxe o DOG tamén recolle a ampliación ata os 320.000 € para a prevención de danos que provoca o xabaril, co fin de chegar a case 800 beneficiarios

A Xunta publica hoxe a orde pola que se amplía o crédito orzamentario en máis de 600.000 euros para as axudas á prevención de danos que causa o lobo en Galicia. Así, grazas aos 920.000 euros que se acadan agora, poderase atender ás máis de 900 solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria de 2021 que cumpren cos requisitos establecidos nas bases.

Co crédito consignado inicialmente, 300.000 euros, só se podía facer fronte a un terzo delas, quedando o resto de posibles beneficiarios sen poder percibir estas axudas por insuficiencia de crédito orzamentario.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fai con esta ampliación un esforzo orzamentario aos efectos de que ningún solicitante que cumpra os requisitos quede sen subvención nun escenario que, desde hai tres semanas, se presenta incerto e inseguro xuridicamente, a raíz da publicación no da Orde ministerial do Goberno central que eleva o status legal de protección da especie mediante a súa inclusión na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Segundo os datos provisionais da Consellería, no período que contempla a orde —desde o 1 de outubro de 2020— producíronse en Galicia preto de 1.200 avisos por danos de lobo e máis de 2.000 reses se viron afectadas.

Cómpre lembrar que o Goberno galego destinou nos últimos seis anos unha parte importante do seu orzamento, 4,6 millóns de euros, a liñas de axudas para a adquisición e instalación de medidas preventivas fronte aos danos que o lobo ibérico ocasiona sobre as explotacións agrogandeiras —2,1 millóns de euros—, así como para indemnizacións —2,5 millóns de euros—.

Ampliación para danos do xabaril
Por outra banda, a orde que se publica hoxe tamén recolle unha ampliación para implantar medidas de prevención para evitar os danos que provoca o xabaril, de 170.000 euros, ata chegar aos 320.000 euros en total, para chegar a case 800 beneficiarios.

Así, con este incremento —tanto para o lobo como para o xabaril— o importe destinado ás axudas á prevención de danos por fauna silvestre en 2021 —nas que tamén se contempla o oso— é de 1.257.605,07 euros, co que atender ás máis de 1.700 solicitudes recibidas que cumpren os requisitos.

Ampliación do prazo de xustificación
Por último, sinalar que o aumento do orzamento destas axudas súmase á decisión adoptada polo Goberno galego de ampliar o prazo para a xustificación dos gastos ata o 26 de novembro —inicialmente remataba o 9 de outubro—, tal e como se recolleu na orde publicada o pasado 23 de setembro.