Os postos deberán manter as actuais medidas de seguridade e hixiénico-sanitarias
O Concello de Padrón acordou reabrir o mercado ao 90% da súa capacidade a partir deste domingo 17 de outubro. Iso si, o concelleiro de Mercados, Javier Guillán Iglesias, lembra que “os case cincocentos postos que participarán no mercado dominical deberán seguir cumprindo coas medidas de seguridade e hixiénico-sanitarias establecidas polas autoridades sanitarias”.
O Concello de Padrón tomou esta decisión despois de que a Xunta de Galicia permitira a pasada semana a apertura dos mercados co 90% dos postos. O mercado de Padrón mantíñase ata o momento no 60% da súa capacidade debido ás dimensións desta feira, que reunía a unha media de 550 postos antes da pandemia, e para ser coidadosos coas distancias entre postos de venda.
“Tras a autorización da Xunta de Galicia e analizar a situación o pasado domingo, decidimos ampliar ata o 90%, se ben seguimos facendo un chamamento á prudencia por parte de vendedores e clientes porque, aínda que estamos dando pasos importantes cara a normalidade, aínda temos que seguir sendo cautos”, sinala Javier Guillán.