Thursday 21 de November de 2024

A Xunta inviste na modernización da Xustiza 50M€ e 123M€ no Plan de Infraestruturas Xudiciais para ofrecer aos cidadáns un servizo público eficiente


― Na inauguración dunhas xornadas de secretarios xudiciais celebradas en Santiago, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou o esforzo da Administración autonómica para axilizar e facer máis accesible a xustiza,

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou hoxe na inauguración dunhas xornadas de secretarios xudiciais celebradas en Santiago o esforzo inversor da Xunta para a modernización da xustiza e para ofrecer aos cidadáns un servizo público eficiente. coa inversión de 50M€ na súa dixitalización e de 123M€ no Plan de Infraestruturas Xudiciais.

No encontro Fortalecemento institucional do corpo de letrados da Administración da Xustiza e das Secretarías do Goberno, Juan José Martín subliñou que a Xunta “tivo e ten a vocación, desde as competencias que lle corresponden, de acometer medidas modernizadoras” co obxectivo de facilitar o traballo ao persoal da Administración xudicial e de ofrecer aos cidadáns un servizo público máis eficiente.

Nese sentido, Juan José Martín fixo referencia á posta en marcha dun ambicioso proxecto, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para o desenvolvemento da administración electrónica xudicial e a dixitalización da xustiza, cunha inversión de 50 millóns de euros a través dos plans Senda I e Senda II.

Na mellora da relación entre os cidadáns e a administración xudicial, a Xunta investiu 123 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais que permitiu, entre outras actuacións, rehabilitar a antiga Fábrica de Tabacos da Coruña, que hoxe é sede da Audiencia Provincial, ou poñer en marcha un dos proxectos máis ambiciosos acometidos pola Xunta facendo uso das súas competencias en Xustiza, como é a Cidade da Xustiza de Vigo, cunha inversión de 42 millóns de euros.

A Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Vicepresidencia Primeira da Xunta, seguirá investindo ma mellora das infraestruturas e dos servizos xudiciais con outras actuación previstas nun futuro inmediato, como a posta en marcha da nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) ou do novo edificio xudicial da Estrada, entre outras inversións.