― Entre o venres 8 e o martes 12 de outubro fixéronse case 1.500 operacións, un 14% do total desta iniciativa impulsada pola Xunta para estimular o sector
― A ocupación nos establecementos galegos achegouse ao cen por cen nas localidades turísticas, o que confirma os bos datos que xa se rexistraron nos meses de verán
O bono turístico inxectou 282.647 euros na ponte do Pilar, o que confirma a reactivación do sector en Galicia logo dun verán no que se superaron os rexistros do ano 2019. O gasto feito polos usuarios do bono nestes días festivos coincide cunha ocupación nos establecementos hoteleiros que, nalgunhas localidades turísticas, achegouse ao cen por cen da súa capacidade.
Entre o venres 8 e o martes 12 de outubro, realizáronse 1.475 operacións co bono turístico, por un importe de compras de 282.647 euros. Supón preto do 14% da actividade dunha iniciativa, a da tarxeta #QuedamosEnGalicia posta en marcha pola Xunta para reactivar o sector, un dos máis afectados pola pandemia. En total, desde o mes de xuño e o 12 de outubro realizáronse 10.447 operacións cun importe de compras de 2.118.641 euros.
O bono turístico activouse este ano como complemento da campaña posta en marcha no 2020 en favor dos profesionais sanitarios. Aberto no mes de xuño ao público en xeral, os beneficiarios, que como se recordará esgotaron en poucas horas a oferta dispoñible, corren co 40% do gasto que realicen nos establecementos turísticos galegos, en tanto que a Xunta aporta o 60 % restante.
As previsións da Xunta pasan por mobilizar a través do bono turístico 7,8 millóns de euros no sector en todo 2021. O gasto feito polos usuarios na ponte de Pilar confirma que se trata dunha medida moi beneficiosa para reactivar o turismo tras meses de paralización por mor da pandemia.