Monday 25 de November de 2024

“Elixe Galicia” recibe o recoñecemento nacional como mellor produto de turismo activo de 2021


― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu o premio outorgado por FITUR e a revista especializada “Aire Libre” e destacou o recoñecemento tamén en datos de afluencia turística ao traballo feito polo Goberno galego para reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade

― O galardón foi comunicado na pasada edición da Feira Internacional de Turismo pero o acto de entrega dos premios quedara adiada por mor da pandemia

― A iniciativa xa leva comercializadas máis de 4.300 prazas, o que supuxo unha inxección económica de máis dun millón de euros no sector turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu esta mañá en Madrid o premio ao Mellor Producto de Turismo Activo que a Feira Internacional de Turismo (FITUR) e a revista Aire Libre concederon ao programa Elixe Galicia, no apartado nacional na súa edición de 2021.

O programa, impulsado pola Xunta en 2020 co obxectivo de fomentar a recuperación do sector turístico galego a través da desestacionalización das viaxes e o impulso do turismo interno, foi un dos gañadores do premio Fitur ao mellor produto de turismo activo na categoría nacional.

Elixe Galicia comparte premio xunto con outros tres produtos de turismo activo na categoría nacional -La aventura del Santo Grial en Valencia; Val D’Aran Walking Festival de Lleida e o Barranco de la Leze, en Álava. O premio tamén conta cunha categoría internacional, que recaeu en propostas de Corea e Bulgaria.

A través deste programa, composto por paquetes turísticos dirixidos a mozos menores de 30 anos, familias e pensionistas de máis de 55 anos, lévanse comercializado máis de 4.300 prazas, entre a edición de 2020 e a deste ano, o que se traduce nunha inxección directa no sector turístico de máis de 1 millón de euros. O programa estará activo ata o vindeiro mes de novembro, con datas abertas para viaxar entre catro programas propostos que permiten coñecer os nosos recursos turísticos de patrimonio, natureza, costa ou termal.

Este galardón deuse a coñecer na pasada edición de FITUR, pero a súa entrega quedou adiada ata que puideran mellorar as condicións sanitarias, circunstancia que se produciu finalmente hoxe nun acto presidido polo secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.

A iniciativa Elixe Galicia é unha das medidas da Xunta postas en marcha durante a pandemia para conseguir bos datos de afluencia turística neste verán. O Goberno galego reforzou a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade con outros proxectos pioneiros para recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus e campañas de promoción como Camiña a Galicia. Así, a comunidade prácticamente acadou as cifras turísticas prepandemia no conxunto dos meses de xullo e agosto cunha recuperación da demanda 25 puntos por riba da media nacional respecto a 2019. No que se refire ao mes de agosto, Galicia foi a única comunidade que superou os datos de ocupación de antes da crise sanitaria da covid.

Ademais, o Xacobeo 21-22 está a ser o motor de recuperación económica da comunidade e na reactivación do turismo como se está a notar coas cifras de afluencia de turistas e de peregrinos. De feito, a comezos deste mes xa se acadaron as 140.000 Compostelas seladas coas que a Xunta prevía pechar este ano e xa se están a piques de chegar ás 150.000.

Por iso, en 2022 co despegue do turismo internacionais, a Xunta agarda mellorar as cifras turísticas e que o sector continúe avanzando cara a recuperación. Así, o Goberno galego investiu este ano máis de 120 millóns de euros a este obxectivo, entre os 90 millóns abonados á hostalería a través dos Plans de Rescate e 31,2 millóns en distintas liñas de axudas e iniciativas como precisamente o programa Elixe Galicia ou a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia. A Xunta pretende mobilizar ata 10 millóns de euros con estas dúas medidas.