Na xornada deste 13 de outubro tivo lugar a presentación do equipo Basket Pobra, que xurde de integrantes do antigo Club Asambal que agora pasa a denominarse Basket Pobra Asambal. Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); e Francisco Martís e Eloy Sobrido, presidente e vicepresidente do Basket Pobra Asambal.
A edil Genoveva Hermo trasladou o apoio e parabéns do Concello ao novo equipo por “contribuír a que o baloncesto estea representado no noso concello e vemos que empezan con moito pulo.”
Pola súa parte, Francisco Martís e Eloy Sobrido, en representación do Basket Pobra Asambal, manifestaron que este proxecto xurdiu durante a pandemia por parte de cinco persoas vinculadas ao mundo do baloncesto que decidiron trasladar a súa experiencia á Pobra e retomar o equipo coa estrutura do antigo Club Asambal para fundar este novo “inxectándolle un pouco de vitalidade, de sabia nova e de ganas.” Agora nos próximos tres anos agardan asentar este proxecto para, a partir de aí, facer unha base coas escolas deportivas e asenta-lo equipo sénior na terceira división. Preténdese así “aportar unha estrutura de baloncesto consolidada” e extrapolar a súa ilusión á veciñanza, polo que animaron a participar nas escolas deportivas. Tamén expresaron o seu agradecemento ao Concello, colaboradores e empresas patrocinadoras pola axuda prestada.
Finalmente, o rexedor, Xosé Lois Piñeiro, sinalou a tradición deste deporte na Pobra e puxo en valor este tipo de iniciativas, declarando que “os clubs deportivos, a maioría funciona con este tipo de persoas: xente que está disposta a poñer moito do seu tempo libre, a esforzarse e esa ilusión fai que funcione.” Así mesmo, trasladou o compromiso da Administración local con este proxecto.