Friday 22 de November de 2024

Concello e Deputación asinan un convenio para o impulso da cidade como destino de producións audiovisuais e turismo cultural


Desenvolverá tres actividades: o Congreso ‘Viaxe a través da palabra’, o proxecto ‘Lusco Fusco’ e a gravación da curtametraxe ‘Balle Voyage. Tributo a Alfred Hitchcock’

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, representado polo seu presidente e concelleiro de Turismo do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, e a Deputación da Coruña, representada polo seu vicepresidente e deputado de Turismo José Regueira, asinaron este mércores un convenio para impulsar a proxección e promoción internacional da cidade da Coruña como destino de producións audiovisuais e do turismo cultural.

Este convenio desenvolverase a partir de tres actividades: O I Congreso Internacional Viaxe a Través da Palabra, o festival Lusco Fusco e a curtametraxe Balle Voyage.

Esta mañá inaugurábase no Reitorado da Universidade da Coruña o I Congreso Internacional Viaxe a través da Palabra onde durante catro días se dan cita persoas relacionadas co ámbito da literatura, a creación, a investigación, o turismo, as institucións, industrias culturais e interesados no tema, un espazo interdisciplinar que reúna a especialistas de diferentes sectores.

Por outra banda, o convenio establece o desenvolvemento do proxecto ‘Lusco Fusco’, unha proposta que pasa por crear un “percorrido turístico” e un show audiovisual nunha contorna privilexiada onde A Coruña acollerá o primeiro capítulo desta serie da man do artista Óscar Mulero.

Por último, tras este acordo colaborarase na realización da curtametraxe ‘Balle Voyage. Tributo a Alfred Hitchcock’, unha produción que se gravará na cidade por parte da produtora Estudo do Momento e que homenaxeará ao célebre cineasta británico e ao deseñador dos seus carteis, o célebre Saul Bass.