Friday 22 de November de 2024

Boqueixón acollerá unha charla informativa sobre a nova tarifa eléctrica o xoves 21 de outubro


A Casa da Cultura de Camporrapado (Boqueixón) acollerá o vindeiro xoves 21 de outubro, ás 18:30 horas, unha charla informativa sobre a nova tarifa eléctrica. Unha conferencia de interese xeral para toda a veciñanza que será de acceso gratuíto, se ben é preciso anotarse dende hoxe no teléfono 981 513 115 ou a través do correo cultura@boqueixon.com.

A charla será impartida por persoal técnico do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) dentro da súa campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno. Durante a charla, os veciños e veciñas de Boqueixón recibirán consellos e orientacións para aforrar na factura da luz, tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa: val, chairo e punta.

Así, a veciñanza de Boqueixón aprenderá as diferenzas entre mercado regulado e libre (e como identificar en cal están incluídos), como ler a nova factura e coñecer que son novos conceptos como a peaxe, os cargos ou a marxe de comercialización fixa. Tras explicar os distintos horarios das tarifas, os técnicos do IGCC darán consellos de como afrontar a nova tarifa e de como aforrar o máximo posible.

Esta iniciativa está organizada polo Concello de Boqueixón, en colaboración co Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC).