Friday 22 de November de 2024

A renovación das rúas Compostela, Alcalde Marchesi e Primavera sumará 6.500 metros cadrados de espazo peonil á cidade


José Manuel Lage: “O mandato de Inés Rey suporá un antes e un despois na mobilidade e no modelo de cidade”

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a licitación das obras previstas nos proxectos de peonalización das rúas Alcalde Marchesi, Primavera e Compostela.

Alcalde Marchesi e Primavera forman parte dun único proxecto, que sae a concurso por 975.638 euros, cun prazo máximo de execución de 12 meses.

A rúa Compostela licítase por 1.080.159 euros, cun prazo de execución de 6 meses. “As obras estarán adxudicadas este mesmo ano e comezarán despois da campaña da Nadal para non interferir coa actividade comercial”, indicou o portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, quen destacou tamén a aposta de Inés Rey pola implantación de novas políticas de mobilidade e polo aumento de áreas peonís: “O mandato de Inés Rey suporá un antes e un despois na mobilidade e no modelo de cidade”.

Alcalde Marchesi e Primavera engadirán 3.000 metros cadrados máis de superficie peonil na cidade. A actuación nesas vías suporá a continuación da rolda peonil, xa en marcha, na que o Concello leva investidos máis dun millón de euros na reforma integral das rúas Puga y Parga, Mariscal Pardo de Cela, Oidor Gregorio Tovar e Ramón Cabanillas.

No caso da rúa Compostela, indicou Lage Tuñas, son 3.500 metros cadrados os que se gañan definitivamente para os peóns e as peoas. En total, as dúas actuacións achegarán 6.500 cadrados máis á superficie peonil da Coruña. A actuación na rúa Compostela, ademais, supón a posta en marcha da Fase 0 da reforma integral prevista para os Cantóns e a Mariña.

Lage Tuñas explicou que a Concellería de Facenda coordinouse coa de Urbanismo, que dirixe Juan Díaz Villoslada, na busca dun sistema de financiamento que permitise acurtar prazos para poñer en marcha os traballos. Deste xeito, indicou Lage Tuñas, os dous proxectos teñen máis opcións de acadar financiamento europeo, xa que os fondos Next Generation aos que optan priman aquelas actuacións coa tramitación máis avanzada.

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o estudo de detalle da nova ordenación volumétrica prevista para a residencia da terceira idade que a Fundación Amancio Ortega financia en Eirís e que executará a Xunta. O Concello responde “coa maior celeridade”, indicou Lage Tuñas, á petición de reordenación de volumes cursada pola fundación. “O noso obxectivo é facilitar a construción o antes posible dun equipamento esencial e moi demandado”, explicou Lage Tuñas.

Finalmente, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén unha solicitude de investimentos por valor de 744.000 euros á Consellería de Política Social, co fin de poñer en marcha na cidade plans de inclusión social e laboral de persoas e colectivos en risco de exclusión social, e programas de apoio educativo para nenos e nenas do mesmo colectivo.