Tras un ano en branco, Naraío volveu acoller na tarde deste día do Pilar o clásico trofeo Concello de San Sadurniño. Unha 29ª edición na que o campo da Veiga rexistrou unha boa entrada para asistir ao enfrontamento entre o equipo anfitrión e o seu eterno rival, o CF San Sadurniño, quen serviron un derbi cheo de destellos individuais pero escaso de vistosidade estratéxica. Con todo, o partido non defraudou en intensidade, sobre todo na primeira metade. O resultado final co que se foi ao descanso, 0-2, recompensou o xogo máis efectivo do Sansa, capaz de manterse mellor situado na cancha, máis desenvolto no ataque e tamén efectivo na defensa. Deste xeito, o equipo laranxa levou para o campo da piscina dos Corrás un trofeo municipal que levaba anos resistíndoselle e que, ademais, confirma o seu bo estado de forma.
Os dous únicos goles do encontro marcáronse na primeira metade. Un no minuto 25 e o outro tan só catro minutos despois nun disparo de falta ao pé da área que voou en rosca ata enguedellarse nas redes do Narahío.
Foi tamén na primeira parte cando o San Sadurniño quedou con un xogador menos trala expulsión de Antón. Unha circunstancia que os amarelos non souberon aproveitar para tentar abrir unha fenda na escuadra visitante. De feito, malia a inferioridade numérica, o Sansa seguiu dominando o partido e creando máis oportunidades que os locais… que tamén as tiveron, pero sen chegar a convertelas en tantos.
O derbi desenvolveuse como se agardaba, dándo sinais a cada pouco da histórica rivalidade entre as dúas escuadras. Houbo tarxetas, algún que outro cara a cara máis cercano do aconsellable e tamén algún estacazo deses que se oen nas bancadas.
Nada fóra do habitual cando se xoga con paixón e se sabe que todo queda no campo, tal e como quedou patente ao final, trala entrega dos trofeos, coas felicitacións mútuas e as bromas entre xogadores de ambos equipos recordando os momentos máis duros vividos minutos antes. Como debe ser.