As votacións das achegas seleccionadas terán lugar do 18 ao 25 de outubro
A concelleira de participación, Yoya Neira destaca a boa acollida desta iniciativa que contou cun 20% máis de participación que en 2019
Os coruñeses e coruñesas presentaron ao Concello 733 propostas para decidir o destino de 2,5 millóns de euros dos orzamentos da cidade. Por distritos, o que recibiu un maior número de propostas, foi o Distrito 7 con 174 aportacións, seguido do Distrito 8 con 65 propostas. En total recibíronse 184 aportacións para distribuír os 1,5 millóns de euros destinados aos distintos barrios da cidade. Todas as propostas presentadas pódense consultar na web nacorunacontas.coruna.gal
A concelleira de participación, Yoya Neira valorou moi positivamente a implicación da cidadanía destacando que se recibiron “un 20% máis de propostas que na última edición dos orzamentos participativos”. Ademais destacou que a novidade de poder presentar as propostas nos tres rexistros municipais (Ágora, Fórum e María Pita) conseguiu achegar este proceso a unha maior porcentaxe da poboación.
Durante o proceso de recollida de propostas leváronse a cabo diferentes accións para difundir o programa como encontros con entidades veciñais, socioculturais e do terceiro sector co obxectivo de explicarlles de primeira man o funcionamento da iniciativa e animalos a participar. O Concello, ademais, habilitou puntos de información específicos na rede de bibliotecas, centros cívicos e rede de puntos de información xuvenil.
Fase de apoios
Os técnicos municipais están a analizar agora as propostas recibidas co obxectivo de validar aqueles proxectos que sexan tecnicamente viables e de competencia municipal.
A continuación comezará a fase de apoios coas primeiras votacións, terá lugar entre os días 18 e 25 de outubro, e nela calquera persoa maior de 16 anos empadroada na Coruña poderá votar polos proxectos de ámbito municipal da súa elección e por proxectos de barrio de ata tres distritos.
Os técnicos municipais redactarán un orzamento para cada proxecto escollido das propostas que reciban máis apoios. A última fase, a votación final, levarase a cabo entre os días 17 e 24 de novembro e nela cada votante poderá apoiar proxectos de cidade que non rebasen o límite orzamentario de 1 millóns de euros do plan e outros proxectos para tres distritos cun máximo de 150.000 euros por distrito. Os resultados publicaranse entre os días 26 e 30 de novembro.