Friday 22 de November de 2024

A Xunta organiza en Lalin, Melide e Vilalba formación sobe iniciación á análise sensorial dos quixos galegos con denominaciónn de orixe protexida


― Programadas pola Agacal, as accións están previstas -en horario de tarde- o 15 e o 17 de outubro en Lalín, os 18 e 20 en Melide e os días 25 e 27 en Vilalba

― As iniciativas constarán dunha parte teórica onde se presentarán os queixos das catro DOP galegas e, na parte práctica, os alumnos realizarán unha cata para recoñecer os queixos segundo as distintas características específicas de cada unha das variedades

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar en Lalín, Melide e Vilalba senllos cursos de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP). A acción lalinense está programada no Pazo de Anzuxao os días 15 e 17 de outubro, a melidense será na aula de usos múltiples municipal os días 18 e 20 e, por último, organizouse un terceiro curso na sede do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa, en Vilalba, o 25 e o 27 de outubro.

O obxectivo principal é formar na análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida. Está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Así, ao longo das 10 horas de formación, a acción combinará unha parte teórica cunha práctica. Na parte teórica presentaranse os queixos das catro DOP galegas (Tetilla, San Simón da Costa, Arzúa-Ulloa e Cebreiro) e, na parte práctica, ensinaráselles aos alumnos a recoñecer os queixos segundo as distintas características específicas de cada unha das variedades.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881997279.