Inés Rey: “É de rigor e de xustiza dar a coñecer a nosa cidade, auténtica capital española e europea da pesca fresca”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da FREMSS, Juan Carlos Corrás, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre o Concello e a entidade para a creación do selo distintivo “Peixe da Lonxa da Coruña”, unha marca que permitirá identificar os peixes e mariscos procedentes do porto coruñés tanto en peixarías como en establecementos hostaleiros, e que contribuirá a poñer en valor mediante a súa identificación a excelencia do produto fresco procedente do porto coruñés.
“É de rigor e de xustiza dar a coñecer a nosa cidade, auténtica capital española e europea da pesca”, explicou Inés Rey, quen tamén lembrou que o porto coruñés “é o primeiro porto de España en descargas de peixe fresco”, con máis de 30.000 toneladas ao ano.
O novo selo irá acompañado da creación dun manual de boas prácticas que deberán cumprir todos os produtos identificados coa marca, que vinculará o produto local con criterios de calidade, cercanía, proximidade e sostibilidade.
A alcaldesa da Coruña destacou o importante papel que ten o sector da pesca na cidade, sector que xera 1.800 postos de traballo directos e máis de 6.000 indirectos.
“Sabedes que contades coa nosa axuda porque estamos orgullosos do noso mar e porque sen o voso traballo non seriamos o que somos”, destacou Rey, quen recordou que o goberno que preside aposta por potenciar as actividades vinculadas coa pesca, un sector esencial para a cidade.
A rexedora sinalou que o peixe e o marisco procedentes de Galicia son recoñecidos internacionalmente pola súa calidade e forman parte esencial dunha gastronomía propia que supón tamén un importante acicate para o impulso do turismo.
Inés Rey agradeceu á FREMSS a iniciativa e apuntou que o Concello da Coruña respaldará sempre todos aqueles proxectos que sirvan para impulsar un sector tan importante na cidade como o da pesca.