O titular do Goberno destaca a posta en marcha de 20 centros de saúde, a reforma doutros nove, o inicio de obras noutros tres e 12 en fase de licitación
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou tras o Consello da Xunta que ao abeiro da Estratexia Sergas 2014 se puxeron xa en marcha, reformáronse ou están en proceso actuacións en 44 centros de saúde. “Este ámbito é un dos que máis se ten avanzado durante a crise económica a pesares da propia recesión e grazas a priorizar o gasto sanitario de forma intelixente”, aseverou. Logo de lembrar que nos últimos cinco anos “ampliouse a rede de centros sanitarios”, Feijóo asegurou que no ámbito do desenvolvemento sociotecnolóxico estase a renovar a alta tecnoloxía e a mellorar o equipamento cun investimento de 88 millóns; e apuntou que no eido da Atención Primaria “actuamos en 44 centros de saúde”. Puxéronse en marcha 20 centros de saúde, reformáronse outros nove, iniciáronse obras noutros tres e atópanse 12 en fase de licitación.
No tocante aos hospitais, Feijóo referiuse á posta en marcha do Hospital Lucus Augusti; ao novo bloque cirúrxico de Pontevedra; ás novas urxencias do CHUAC; á nova unidade de críticos do CHUS; á adxudicación da reforma e ampliación en execución do Hospital do Salnés; ao inicio da obra de hospitalización do CHUO; e este ano entrará en funcionamento o Hospital de Vigo, a infraestrutura hospitalaria pública máis grande de España “para unha área sanitaria de 600.000 galegos”.
Durante a rolda de prensa, o responsable do Executivo autonómico destacou que a Estratexia Sergas 2010-2014 contou con catro principios fundamentais: situar ao paciente como centro do sistema sanitario; recoñecer o valor dos profesionais; buscar a implicación coa innovación; e compromiso co desenvolvemento económico “que supón un investimento de preto de 15.000 millóns de euros que son os orzamentos do Sergas nos últimos anos”.
No que se refire ao paciente, o presidente da Xunta explicou que “o persoal sanitario dende o ano 14 fixo 300.000 consultas máis o ano do que fixeron no ano 2009; 28.000 intervencións cirúrxicas máis en xornada de mañá no ano 14 do que se facía nos quirófanos do Sergas no ano 2009; e hoxe hai esperando 90.000 persoas menos para unha consulta nun hospital do que había no ano 2009 e as patoloxías máis graves estanse tratando en máis da metade do prazo do que ocorría no ano 2009”.
Ademais, referiuse á implantación da xestión integrada en toda Galicia “cun único equipo directivo para a atención primaria dos hospitais da área”, á Lei de Garantías “de dereitos novos para os pacientes”, e á incorporación da vacina do pneumococo sendo “a primeira comunidade autónoma” en facelo, así como ao programa piloto de detención do cancro de colon “que se empezou a desenvolver en Ferrol e se iniciará en outras áreas sanitarias”.
Recursos humanos e xestión
En materia de recursos humanos, Feijóo destacou a convocatoria de oferta pública de emprego por un total de 4.000 postos de traballo na sanidade pública “a pesares de ter que cumprir os límites da Lei de Orzamentos de máximos de ofertas públicas de emprego nos últimos anos”, e incrementouse a porcentaxe de persoal estable no Sergas, “no ano 2009 o 76% dos profesionais do Sergas tiñan un nomeamento estable, agora é o 81% dos profesionais”.
No que se refire á xestión, destacou que grazas ao catálogo de medicamentos selectivos “consagrado polo Tribunal Constitucional” e á decisión dos médicos de ir incrementando a porcentaxe de medicamentos xenéricos, os aforros no ámbito da farmacia con receita son de 230 millóns de euros nos últimos cinco anos máis outros 43 millóns de euros de aforro polas compras centralizadas do Sergas e outros 4 millóns de euros cada ano polas decisións en materia de eficiencia enerxética. Por último, Feijóo salientou “unha das razóns polas que puidemos facer infraestruturas sanitarias en plena crise económica” e sinalou de novo cara a aprobación no Parlamento do catálogo de medicamentos “que posibilitou sen ningunha dúbida seguir apostando pola viabilidade do Sergas”.