― Organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentarias (Agacal), terá lugar este venres pola mañá na aula da natureza Juan Lembeye, en Culleredo
― O obxectivo da formación é dar a coñecer as estratexias de redución e compensación da pegada de dióxido de carbono, analizando as ferramentas para o seu cálculo nas explotacións agrarias
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza este venres en Culleredo unha xornada sobre o cálculo da pegada de dióxido de carbono (CO²) nas actividades produtivas agrarias. Terá lugar na aula da natureza Juan Lembeye (na parroquia do Burgo) en horario de mañá, de 9:30 a 14:30 horas.
O obxectivo desta formación é dar a coñecer as estratexias de redución e compensación da pegada de dióxido de carbono, analizando as ferramentas para o seu cálculo nas explotacións agrarias. Tamén se abordará a pegada ecolóxica, que ten como obxectivo principal avaliar o impacto que exerce sobre o planeta un determinado modo de vida e o seu consecuente grao de desenvolvemento sustentable.
Os cursos están dirixidos a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Así, os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021 e envialo ao correo electrónico info@marinasbetanzos.gal. Tamén poden chamar ao número 981 669 541 para obter máis información.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.