Friday 22 de November de 2024

A Xunta seguirá a vindeira semana cos traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias


― Continuarán estes labores nas estradas da provincia de Lugo: LU-120, en Vilalba, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei; na LU-934 en Friol; e na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria; e na provincia de Ourense na OU-504, en San Cristovo de Cea

― Na provincia da Coruña seguirase coas intervencións na vía de altas prestacións VG-1.4, en Cee e Sardiñeiro, e na AG-6.4 en Narón; e en Pontevedra na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na VG.-4.4, Lourizán-Ardán, en Pontevedra e en Marín

― Os traballos de conservación contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas, e a reforzar a seguridade viaria, pois a limpeza das vías aumenta a visibilidade e afasta da calzada animais como xabarís ou corzos

― O departamento que dirixe Ethel Vázquez investiu, desde o ano 2018, 6,8 M€ nas tarefas de control da biomasa nas vías autonómicas, realizadas a través de Seaga

A Xunta seguirá a vindeira semana as tarefas de limpeza nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias que xa tiña iniciado en días anteriores.

Así, este luns proseguirán os labores en execución nas estradas da provincia de Lugo: LU-120, en Vilalba, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei; na estrada LU-934 en Friol; e na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria.

Continuarán tamén os traballos na vía ourensá OU-504 en San Cristovo de Cea, na que xa se iniciaran en días pasados as tarefas de limpeza.

Na provincia da Coruña, seguirán estas intervencións na vía de altas prestacións VG-1.4, en Cee e Sardiñeiro; e na AG-6.4, en Narón. Ademais na de Pontevedra continuarán os traballos en marcha na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4, Lourizán-Ardán, en Pontevedra e en Marín.

Reforzo da seguridade viaria
Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.
Así, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou este ano a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 o Goberno galego leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.