Á vista dos resultados, Feijóo avoga por seguir por este camiño e avanza un incremento ata o 30% da bonificación que era do 15% nos parques de A Sionlla en Santiago, A Reigosa en Ponte Caldelas, Veigadaña en Mos e Morás en Arteixo
Logo da aprobación Axenda Industria 4.0, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, os resultados do primeiro mes da venda de solo industrial con prezos reducidos en Galicia, relativos ao concurso convocado en xaneiro, no que se presentaron un total de 68 ofertas, por un total de 90 parcelas, emprazadas en parques empresariais das catro provincias.
Nesta liña, Feijóo salientou que o resultado neste momento, segundo Xestur Galicia, é a adxudicación de 200.000 metros cadrados de solo en 75 parcelas, o que supón: superar as vendas totais de solo dos dous últimos anos (2013 e 2014), que acadaron tan só os 160.000 metros cadrados; e un importe de venda de sete millóns de euros, tras o desconto.
Así mesmo, o titular do Goberno galego destacou que esta adxudicación supón tamén unha importante mobilización de recursos para dinamizar a economía e o emprego. “As empresas teñen tres anos para facer o investimento e segundo a documentación o investimento ascende aos 105 millóns de euros en tres anos, coa creación de 3.500 empregos entre directos e indirectos”.
Á vista dos resultados, Feijóo avogou por seguir por este camiño e avanzou un incremento ata o 30% da bonificación que era do 15% nos parques de A Sionlla en Santiago, A Reigosa en Ponte Caldelas, Veigadaña en Mos e Morás en Arteixo.
Así mesmo precisou que no mes de abril sacaranse a concurso 210 parcelas propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo, 470.000 metros cadrados. E destacou tamén a autorización dun convenio entre Xestur e o Igape para facilitar o acceso ao financiamento dos proxectos que se instalen nos parques empresariais galegos, con axudas que poderán chegar ata o 40% do investimento.
“En definitiva, estamos a intentar poñer a disposición solo máis barato, con facilidades para o investimento nese solo e reactivar a economía”, aseverou, logo de lembrar que a Axenda Industria 4.0 establece as pautas para modernizar a industria galega, co obxectivo de crear 50.000 novos empregos ata 2020 e incrementar o peso da industria no PIB nun 6,5%, ata acadar un 20% do PIB galego.
Para acadar estas dúas metas, Feijóo recordou que unha das medidas posta en marcha foi a de facilitar o acceso a solo industrial, para o que se desenvolveron unhas bonificacións no custo do metro cadrado: cunha rebaixa do 15% nas zonas urbanas; do 30% no resto dos parques non urbanos; e do 50% nas zonas prioritarias dos Plans Impulsa -Ourense, Lugo, Ferrol, a Costa da Morte-, e tamén nas zonas fronteirizas con Portugal.