Esta semana botaron a andar unha parte das escolas culturais municipais e os grupos de ximnasia de mantemento que, neste último caso, contará con grupos en todas as parroquias salvo en Bardaos e San Sadurniño. Para o conxunto das cinco actividades propostas recolléronse un total de 72 inscricións, que poderían incrementarse ao longo deste trimestre con novas incorporacións. As persoas anotadas poden pasar desde xa pola Casa da Cultura para formalizar a matrícula, ben sexa pagando mediante TPV ou -o máis cómodo- domiciliando os recibos. Desa obriga exceptúase por agora o grupo de baile tradicional que empezará a semana que vén a xeito de proba e, se ten éxito, convertelo en escola municipal a principios de ano nas mesmas condicións que as demais. Ademais da oferta municipal tamén hai que mencionar os obradoiros preparados pola Asociación Cultural Brío, pensados na súa maioría para a rapazada e a mocidade.
Tralo peche do prazo de preinscrición, a área de Cultura modificou minimamente os horarios para axeitalos no posible ás necesidades de cada grupo. Ximnasia de mantemento para persoas maiores mantense como se avanzou hai uns días cunha primeira quenda de 16:00 a 17:00h os luns e mércores en Naraío (8 persoas) e os venres en Santa Mariña (9 inscricións), mentres que a segunda se desenvolverá de 17:15 a 18:15h os luns e venres en Lamas (14 participantes) e os mércores en Santa Mariña. Non chegaron a formarse grupos en San Sadurniño nin tampouco en Bardaos.
Con respecto ás opcións puramente culturais, Gaita mantense os martes no local social da Veiga, en Naraío, entre as 19:30 e as 21:30h, reservando parte do tempo inicial para iniciación e percusión e o restante para perfeccionamento. Este ano apuntáronse 10 persoas, as mesmas que nas clases de Pandeireta e canto tradicional, que se reunen os mércores de 18:30 a 20:30h tamén en Naraío, este ano sen grupo infantil.
Sen saír das escolas culturais, Cantos de Taberna xuntou 13 solicitudes para preparar repertorio os xoves de 20:00 a 22:00h. Os ensaios terán lugar -en principio- na Casa da Xuventude, con posibilidade de que o grupo se mova a outros lugares ao longo do curso, como ocorreu antes da pandemia cos ensaios-actuacións que fixeron percorrendo cada semana un bar do municipio.
A novidade deste 2021 é o grupo de Baile tradicional que aprenderá e ensaiará na Casa da Cultura todos os xoves desde o 14 de outubro entre as 20:00 e as 21:00h. Será unha proba de tres meses á que se uniron 8 persoas.
Quen queira sumarse ás beiladoras e beiladores está aínda a tempo de facelo chamando ao técnico de Cultura en horario de mañá -616 332 919- e se a idea finalmente cualla a proposta continuaría até xuño de 2022, igual que o resto das escolas e cos mesmos prezos: 16 € de matrícula e 31,83€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65, mentres que as menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove teñen un prezo reducido de 15,32 euros pola matrícula e de 21,23 cada trimestre.
Seis propostas da Asociación Cultural Brío
Ademais das escolas municipais tamén cómpre falar da ampla oferta preparada para o curso 21/22 pola Asociación Cultural Brío, dirixida principalmente á rapazada e a mocidade.
Proseguen co grupo de Hip-hop os venres na Casa da Cultura -19:00 a 20:30h de 7 a 12 anos e 20:30 a 22:00h de 13 anos en diante-, os sábados polas mañás entre as 10:45 e as 13:45h levan a Lamas as clases de Debuxo e pintura en dous grupos -de 6 a 8 anos e de 12 anos en diante- con posibilidade de formar un terceiro para persoas adultas se hai demanda suficiente. Tamén avanzaron xa que están ultimando obradoiros familiares que xuntan os xogos e os bailes tradicionais, dos que seguramente informarán con máis detalle dentro duns días.
Como novidade, a AC Brío tamén engadíu á súa programación de actividades a Danza estética, o Baile moderno e, por último, as sesións de Inglés Xogando pensadas para as nenas e nenos de 3 a 6 e de máis de 7 anos.
A asociación comentaba este mediodía que teñen grupos formados para todas as propostas e que nalgunhas delas aínda lles quedan prazas libres. Para apuntarse ou solicitar máis información hai que contactar coa entidade no correo briodanza09@gmail.com, falar con calquera persoa da directiva ou mandarlles unha mensaxe á súa páxina en Facebook.