Friday 22 de November de 2024

A XX Carreira Popular de Ordes supera o medio millar de atletas inscritos de todas as idades


Terá lugar o vindeiro domingo en horario de mañá, situándose tanto a liña de saída como a meta na Alameda, no centro da vila

A XX Carreira Popular do Concello de Ordes que se disputará o vindeiro domingo contará nesta edición cun número récord de participantes ao ver superado o medio millar. Concretamente son 375 os que figuran na categoría absoluta (xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos) e 180 nas carreiras escolares (baby e cadete).
O reparto de dorsais dará comezo dende as 9.15 horas, mentres que as probas comezarán a disputarse dende as 10 horas sucedéndose continuamente ao longo da mañá. Tanto a meta como a saída para todos os corredores estarán instaladas na Alameda de Ordes, en pleno corazón da vila. Neste caso os percorridos irán dende os 500 ata os 9.500 metros con circuítos que transcorrerán polo casco urbano, así como tamén polas inmediacións no caso da carreira absoluta. A organización ten previstos premios en metálico de 150, 100, 80 e 50 € para os tres primeiros clasificados segundo as categorías individuais, clubs federados e grupos do municipio. Tamén haberá outro especial de 150 € para o centro académico do municipio que achegue maior número de atletas. Ademais haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, así como para os tres primeiros homes e mulleres das carreiras xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos. Ao podio tamén subirán os tres mellores tempos rexistrados na proba absoluta polos atletas censados no municipio, así como os participantes de maior e menor idade que completen o percorrido.
Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración de importantes firmas comerciais da zona para a celebración desta importante cita co atletismo e o deporte. Entre elas destacan Infantilandia, Cola Cao, Carnicería Enrique, Seguros Reale, asesoría Jaime Castro, Pazo Bidueiro, Feiraco, Nocilla, Gadis e Eurofrut, ademais de Cruz Vermella Ordes.