Saturday 16 de November de 2024

A Xunta pon en valor os 10,3M€ cos que se impulsará a sustentabilidade en 4 destinos turísticos galegos


― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta do avance na execución dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) aos que a Xunta destina 4,2M€

― Ribeira Sacra, Santiago de Compostela, a Mariña lucense e a provincia de Ourense son os beneficiarios das anualidades ordinarias deste programa

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo balance hoxe no Parlamento de Galicia despregamento do programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), unha ferramenta de colaboración público-privada que está a supor un investimento de 10,3 millóns de euros en catro destinos turísticos galegos: Ribeira Sacra, Santiago de Compostela, a Mariña lucense e a provincia de Ourense.

Nava Castro destacou que o Goberno galego aporta algo máis do 40% deste investimento, con 4,2 millóns ao longo dos tres anos de execucións destes plans aprobados polo Goberno central, a través da Secretaría de Estado de Turismo, nas convocatorias de 2020 e 2021.

No caso dos dous primeiros, xa en execución, o de Santiago e de Ribeira Sacra, a Xunta consignou un total de 1,8 millóns de euros, 1 millón para o Plan de Sustentabilidade de Santiago de Compostela e 850.000 euros para o de Ribeira Sacra. Na vixente anualidade Galicia acadou a aprobación doutros dous plans de sustentabilidade: o da Ribeira Sacra e o de Ourense Termal, aos que o Goberno galego destina un total 2,3 millóns – 1,3 millóns para o Plan de Sustentabilidade Ourense Termal e 1 millón para o da Mariña Lucense -, co obxectivo común de modernizar e adaptar estes destinos turísticos nos eixos de sustentabilidade, dixitalización e competitividade turística.

A directora de Turismo de Galicia destacou o liderado que está exercendo a Xunta na posta en marcha destes plans, apostando pola sustentabilidade como un eixe transversal do modelo turístico galego, tal e como se recolle no actual Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro.

Neste sentido, Castro destacou que “o desenvolvemento sustentable esixe a colaboración de tódolos axentes implicados, e tamén un liderado político firme para lograr un amplo consenso”, principios baixo os que está a traballar a Xunta e que están a permitir acadar un turismo seguro, con mellores datos neste último verán e turísticamente tamén máis sustentable.