― Constará dun campamento turístico, cabanas de madeira, piscina e xogos multiaventura, entre outros atractivos
― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, salientou hoxe o interese crecente polo turismo saudable e de aventura que promove Abegondo e que se complementa con iniciativas como a dieta atlántica presentada hoxe nun xantar organizado pola asociación Lume Atlántico
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o interese crecente polo turismo saudable e de aventura que promove o Concello de Abegondo e que a Xunta apoia cunha inversión de medio millón de euros para a posta en marcha dun complexo recreativo no encoro de Beche para desfrute de veciños, turistas e peregrinos.
No xantar de presentación da iniciativa Dieta atlántica para unha vida saudable, organizada pola asociación Lume Atlántico, Alfonso Rueda subliñou a aposta da Xunta por un modelo turístico que aposta pola paisaxe, o deporte, o patrimonio e a gastronomía, na liña do que ofrece Abegondo coa creación deste complexo que constará, entre outros atractivos, cunha piscina, cabanas de madeira e xogos multiaventura. “Abegondo invita a coidarse e a Xunta sempre apoiará iniciativas deste tipo”, subliñou o vicepresidente primeiro nun xantar ao que tamén acudiron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Medio Rural, José González.
O complexo turístico e, por outra banda, un atractivo máis para os peregrinos que fagan o Camiño Inglés, que poderán descansar e recobrar forzas na súa andaina cara Compostela. Alfonso Rueda destacou que o Camiño Inglés é a terceira ruta máis frecuentada polos peregrinos, e animou a seguir apostando polo Xacobeo, que está a ser un dos motores da recuperación económica de Galicia.
Santiago vén de recibir ao peregrino 140.000 deste ano, que era o obxectivo da Xunta para todo o 2021. O vicepresidente primeiro subliñou que era unha proba máis do éxito da campaña Galicia Destino Seguro, como o confirman tamén os datos turísticos que sitúan a Galicia na cabeza da recuperación do sector en España, cun mes de agosto no que foi a única comunidade autónoma que acadou cifras anteriores á pandemia.