Ricardo Carballo Calero, don Ricardo… ou Ricardo Carvalho Calero a partir de certo momento da súa vida en que avogou polo reintegracionismo. Figura intelectual imprescindible para abordar o coñecemento da lingüística e a literatura galegas, ademais de escritor prolífico que tocou practicamente todos os xéneros. Eterno candidato á homenaxe das Letras Galegas, o tributo da Real Academia Galega chegoulle por fin en 2020 tras anos de reivindicacións de múltiples colectivos. Quixo a cadrada que fose no ano máis duro da pandemia e por ese mesmo motivo, para honralo como sería debido, tamén foron moitas as entidades culturais que pediron que este 2021 as Letras se lle volvesen dedicar a el. Unha petición que, porén, non mudou a postura da RAG de manter a dedicatoria -merecidísima- a Xela Arias. Así as cousas, a área de Lingua da Deputación da Coruña promoveu a comezos deste ano unha exposición itinerante por distintos municipios que agora recala na galería do Concello de San Sadurniño, onde poderá visitarse ata finais de mes nos horarios habituais de apertura das oficinas municipais.
Na biografía de Don Ricardo (Ferrol, 1910-Compostela 1990) escóndense varias biografías. A do neno da Rúa San Francisco que chegou á escola sabendo ler e que xa de pequeno tiña ao seu alcance obras en galego. Tamén a do mozo universitario que participou en Santiago da fundación do Partido Galeguista e a quen, máis adiante, o golpe de Estado do 36 o pillou en Madrid, onde se alistaría no bando republicano. O seu ideario supúxolle trala guerra dous anos de cárcere en Xaén antes de poder volver a Galicia sen que se lle permitise exercer o ensino público.
A de Carvalho Calero é, ademais, a biografía do activista dese “conxunto de heroes calados” da Xeración Galaxia que se encargou da construción teórica da nosa lingüística e da sistematización da nosa historia literaria. Del é a primeira historia da Literatura Galega e el foi o primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galegas da universidade compostelá.
E, por suposto, a biografía de Carvalho -así asinou na última etapa da súa vida- é a do creador prolífico que tocou o ensaio, a narrativa, a poesía e o teatro, ademais de ser como mestre “referente ético para toda unha xeración”, primeiro no colexio lugués de Fingoi, logo no Rosalía de Castro de Santiago e, finalmente, na USC, tal e como asegura o profesor Ramón Villares.
A raíz da dedicatoria das Letras Galegas de 2020 publicáronse ducias de olladas en liña á súa figura, aínda que a máis extensa e detallada é a da propia Real Academia Galega, na que el entrou como membro numerario en 1958. Carvalho Calero é o homenaxeado coas Letras Galegas que nos queda máis preto -incluso de San Sadurniño, onde se inspirou a súa peza “A farsa das zocas”.
Ao coñecemento de Don Ricardo súmase a exposición da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña que agora pode visitarse na galería municipal, formada por varios paneis que reivindican a figura do autor ferrolán atendendo á súa traxectoria vital e profesional. Permanecerá aberta até o 28 de outubro con horarios de visita de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30h.