— Esta proposta, dirixida a persoas de entre 16 e 35 anos, ten como obxectivo difundir recursos pedagóxicos sobre a participación, a inclusión social, a educación ambiental ou o voluntariado
— O Goberno galego financia 85 propostas lideradas pola xuventude, ás que apoia con 400.000 euros
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no proxecto The paroleo, unha proposta innovadora de activismo social e ambiental da asociación Simbiose na que realiza podcasts e contidos audiovisuais cos que dar a coñecer accións levadas a cabo pola mocidade. Ademais, serve para reflexionar e difundir recursos pedagóxicos sobre a participación, a inclusión social, a educación ambiental ou o voluntariado, entre outros.
The paroleo, dirixido a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, está levado a cabo ao abeiro de Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, que busca ofrecer á xuventude galega a oportunidade de desenvolver os seus propios proxectos.
Pola súa banda, Cristina Pichel, quen participou nunha entrevista enmarcada na programación desta actividade, puxo en valor que esta iniciativa permite traballar con propostas novidosas e dar visibilidade a cuestións de relevancia social.
A Administración autonómica financia a través de Iniciativa Xove 85 proxectos liderados pola xuventude, nos que a mocidade é a protagonista, a través da planificación e realización das actividades. O Goberno galego achega preto de 400.000 euros a este programa, ao que xa leva destinado 6 millóns de euros para financiar unhas 1.500 ideas desde que se puxo en marcha hai 11 anos.