― O avance do último informe de MeteoGalicia revela que o verán se despediu da Comunidade cunha temperatura media 0,86 graos por riba do agardado
― O comportamento climatolóxico durante setembro foi o habitual nesta época do ano, con alternancia de episodios anticiclónicos e outros de carácter tormentoso
Galicia puxo fin ao verán cun mes de setembro caracterizado por temperaturas medias lixeiramente máis altas do habitual e unhas precipitacións que se moveron en valores dentro da normalidade. Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que, en xeral, foi un mes cálido e normal no que á chuvia se refire.
De feito, o período estivo marcado pola alternancia entre episodios anticiclónicos e a entrada dalgunha tormenta e das primeiras borrascas da tempada, algo propio do comezo do outono.
A característica máis salientable do mes foi a temperatura, cun valor medio 0,86 graos por riba do normal, un dato no que influíron sobre todo os valores das máximas, moi cálidas para esta época do ano e que foron matizadas en parte polas mínimas, que se moveron en xeral en valores habituais.
En todo caso e tendo en conta o período de referencia 1981-2010, o comportamento do pasado mes se setembro ten un precedente moi recente, xa que o ano pasado a anomalía media da temperatura foi de 0,88 graos máis.
En canto ao comportamento por zonas, houbo importantes contrastes dentro da Comunidade. Mentres en Lugo e nas dúas provincias atlánticas as temperaturas medias rexistraron variacións positivas en comparación cos valores habituais nesta época do ano, no sur da provincia lucense e en gran parte da de Ourense as anomalías foron mesmo negativas.
Así, os datos máis elevados se rexistraron na comarca da Coruña —ata 2,3 graos por riba do normal— mentres que os máis baixos se detectaron na da Baixa Limia, onde se quedaron en 1,1 graos menos que a media histórica.
Precipitación acumulada de 82 L/m2
Por outra banda, atendendo aos valores das estacións máis representativas, setembro foi un período normal en toda Galicia, cunha precipitación media acumulada de 82 L/m2. En concreto, en comparación co período histórico de referencia, choveu apenas un 5% menos do agardado e de feito, as porcentaxes de precipitacións rexistradas o mes pasado foron moito máis baixas que nos catro anos inmediatamente anteriores.
Por áreas xeográficas, as maiores precipitacións déronse na comarca coruñesa do Xallas, con valores próximos aos 287 L/m2. Pola contra, os rexistros máis baixos concentráronse sobre todo no litoral da Mariña lucense e nalgunhas localidades das comarcas de Chantada (Lugo) e A Limia (Ourense), onde apenas se superaron os 20 L/m2.
De feito, a distribución das precipitacións foi moi heteroxénea en toda a Comunidade debido en gran parte aos episodios tormentosos que marcaron o mes. En Cedeira, por exemplo, choveu un 71% menos do habitual, mentres que en varias localidades da comarca de Valdeorras rexistráronse precipitacións un 116% superiores ao valor climático de referencia.