— A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático non prevé efectos ambientais significativos polo que descarta sometelo a avaliación ordinaria
— Sinálase a importancia de realizar un tratamento o máis naturalizado posible para a restauración dos hábitats e que o aparcadoiro proxectado está afectado pola zona de fluxo do rego de Soutilo, polo que se debe buscar un emprazamento alternativo
A Xunta de Galicia acaba de rematar a tramitación ambiental do Plan especial de protección, ordenación, infraestruturas e dotacións de Veigue, no concello de Sada, que permite ordenar os terreos da Enseada de Lorbé.
Grazas a este plan especial cúmprense as determinacións que se recollen no Plan de ordenación do litoral (POL) para os ámbitos identificados e que se atopan delimitados no Plan xeral de ordenación municipal, aprobado en 2017.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático non prevé efectos ambientais significativos, polo que descarta sometelo a avaliación ordinaria. En todo caso, establece unha serie de determinacións como realizar un tratamento o máis naturalizado posible das zonas verdes litorais, promovendo a restauración con especies autóctonas e variedades locais.
Tamén indica a necesidade de incluír no plan un catálogo propio de todos os bens do patrimonio natural existentes, prestando especial atención aos bens etnolóxicos e ás pezas de arquitectura contemporánea que poidan ter valores merecedores de protección.
Por último, tamén traslada que o aparcadoiro proxectado está afectado pola zona de fluxo preferente do rego de Soutilo, segundo a cartografía de estudo hidrolóxico, polo que- sen prexuízo do que se indique no informe do organismo sectorial competente-, débese buscar un emprazamento alternativo. Tamén se indica que para a construción desta infraestrutura se empregarán materiais e tratamentos adecuados para favorecer a súa integración ambiental e paisaxística.