Friday 22 de November de 2024

A Xunta comezará este luns novos traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias


― Iniciaranse estes labores na autoestrada AG-6.4, en Narón; na estrada LU-934, en Friol; na OU-531, en Celanova; e na VG-4.7, en Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis

― Continuarán as tarefas na vía de altas prestacións VG-1.4, en Cee e Sardiñeiro; na LU-540, en Muras e Xermade; e na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria

― Seguirán tamén as intervencións na estrada OU-504 en San Cristovo de Cea; na PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4, en Pontevedra e Marín

― Os traballos de conservación contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas, e a reforzar a seguridade viaria, pois a limpeza das vías aumenta a visibilidade e afasta da calzada animais como xabarís ou corzos

― O departamento que dirixe Ethel Vázquez investiu, desde o ano 2018, 6,8 M€ nas tarefas de control da biomasa nas vías autonómicas, realizadas a través de Seaga

A Xunta comeza este luns novas tarefas de limpeza nas marxes de distintas estradas autonómicas nas catro provincias galegas.

Esta vindeira semana iniciaranse estes traballos na autoestrada AG-6.4, en Narón; na estrada LU-934, en Friol; na OU-531, que comunica Celanova- Ramirás, ao seu paso por Celanova; e na Variante de Vilagarcía VG-4.7, en Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.

Ademais, proseguiran os traballos na vía de altas prestacións VG-1.4, en Cee e Sardiñeiro; na vía autonómica LU-540, en Muras e Xermade; e na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria

Tamén continuarán estas tarefas na OU-504 en San Cristovo de Cea; na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4, Lourizán-Ardán, en Pontevedra e Marín.

Reforzo da seguridade viaria
Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.
Así, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou este ano a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 o Goberno galego leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.