Un total de 1.400 persoas participaron na C10 máis inclusiva e solidaria
A alcaldesa, Inés Rey, celebrou o regreso da proba más emblemática das tres que se celebran na cidade
O sol aliouse coas gañas de correr na Coruña, que botouse ás rúas para celebrar a volta da C10, a carreira máis querida polas coruñesas e coruñeses. A cidade viviu hoxe unha gran festa do deporte en que a
inclusión foi a principal meta.
Preto de 1.400 corredoras e corredores participaron na décima quinta edición da C10 máis inclusiva, converténdose na proba máis masiva de Galicia até o momento tras o parón motivado pola COVID 19. Ademais, a carreira estreaba percorrido polos peiraos, con saída na avenida de Montoto.
A alcaldesa, Inés Rey, celebrou o regreso da proba máis emblemática das tres que se celebran na cidade e que serven para proxectar a imaxe dunha cidade comprometida co deporte. “Unha proba de que o deporte está de volta, de que estamos recuperando a normalidade, facendo deporte na rúa e gozando a cidade”, dixo, e felicitou a todas as persoas implicas na organización da proba que se realizou cumprindo con todas as medidas de seguridade.
Os primeiros postos na carreira foron na categoría masculina para Nassim Hassaous con 29:13; segundo o keniata Shamack Kiprop con 29:18; e o terceiroposto foi para Hinchan Sigueni, de Marruecos, con un tempo de 29:28. O primeiro galego na xeral cun sexto posto foi Alejandro Fernández, con un tempo de 30:01.
Na categoría feminina, o primeiro posto foi para a keniata Selah Busienei, con 32:33. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, que participou na carreira, foi a encargada de entregarlles os premios.
A concelleira agradeceulles a Aspronaga, Grumico e Enki as súas achegas, que fixeron desta carreira unha referencia de inclusión. “Esta C10 foi máis inclusiva e a intención do Concello é avanzar no obxectivo de facer de Coruña 10 unha carreira 100% inclusiva”, dixo.
A concelleira apuntou que para 2022 se agarda volver co ritmo habitual das carreiras: Medio Maratón no primeiro trimestre; Coruña 10 no segundo, e no último trimestre, o Maratón Atlántico, sen esquecer o circuíto Coruña Corre, “sinal de identidade do noso atletismo máis popular”, concretou.