A actividade, que terá lugar no Teatro Colón e na Fundación Seoane do 11 ao 17 de outubro, confirma a aposta do Goberno de Inés Rey pola cultura e por lle achegar á cidadanía as creacións audiovisuais que non se soen proxectar en salas comerciais
O Teatro Colón e Fundación Luis Seoane acollerándo 11 ao 17 de outubro a terceira edición do Cormorán Film Fest, en que a cidadanía poderá visionar de forma gratuíta unha selección de oito longametraxes e
dez curtas que acaban de pasar polos grandes festivais internacionais, ademais de asistir a charlas coas directoras e directores das pezas e de persoas convidadas pola UIMP. O evento comezará o día 11 coa música en directo de VVV, Sofía e Vera Fauna na Fundación Seoane. As tres agrupacións conforman un mapa actual da vangarda do país: as madrileñas VVV (Trippin’ You) son embaixadoras do postpunk e Vera Fauna unen a tradición sevillana e trazos psych pop mentres que a mallorquina Sofía mestura loops electrónicos con paisaxes intimistas.
O Cormorán Film Fest é unha aposta máis do Goberno de Inés Rey pola cultura audiovisual xa que entre as obras escollidas, os espectadores coñecerán a última estrea do Novo Cinema Galego, premiada en Venecia, “Eles transportan a morte”, de Helena Girón e Samuel Delgado. Ademais, o festival trata de achegarlle á cidadanía as creacións audiovisuais que non se soen proxectar en salas comerciais.
Canto á programación, o festival incluirá propostas que abordarán temáticas como o amor millenial no filme danés “Loves me, loves me not” ou o aterrador relato da concepción de imaxe privada e vixilancia na Ámérica de “All light, everywhere”; a vida dunha familia porcina que Kossakovsky grava cunha gran beleza en “Gunda” dará paso ao Éric Rohmer máis incómodo na novazelandesa “Friends & Strangers”;
ou á inconcebible idea dun xardín privado con árbores milenarios na Xeorxia de “Taming the garden”. Deste xeito, os 18 títulos, premieres nacionais e directoras/es convidadas/es converten ao Cormorán Film Fest no referente do cinema narrativo e documental da cidade.
A imaxe do cartel foi cedida pola Biblioteca Nacional de Nueva Zelanda. Trátase dunha fotografía de tres mulleres maoríes en 1936, subidas a un Pataka, estrutura moi parecida aos cabazos galegos, en que se conservaban os alimentos. Fai referencia á teoría de Robert Langdom que propuxo que os Pataka se construíron tras o naufraxio da carabela “San Lesmes” en costas neozelandesas, e a conseguinte chegada ao arquipélago (máis de dos séculos antes que James Cook) de mariñeiros galegos. Sexa certa ou non, a instantánea vén simbolizar a conexión cultural entre o pobo galego e as antípodas. Non será necesario retirar invitacións e permitirase o acceso ata completar a capacidades de ambos os espazos.