Friday 22 de November de 2024

A Xunta executa obras de mellora da seguridade na estrada AC-934, no treito coincidente co Camiño Norte, ao paso polo concello de Sobrado


― A actuación consiste na execución de dous tramos de senda de 1,5 metros de ancho pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 19+120 e 20+630

― A intervención inclúe a instalación de tubaxe baixo o firme da senda e a execución dunha obra de drenaxe transversal para cruzar o rego de Lamas baixo a vía

― Trátase de obras deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos

― A intervención, cun investimento de preto de 200.000 euros, está incluída nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago

A Xunta está a executar obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-934, no treito coincidente co Camiño Norte, ao paso polo concello de Sobrado.

Os traballos desenvólvense no tramo desta estrada autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 19+120 e 20+630.

A actuación consiste na execución de dous tramos de senda de 1,5 metros de ancho pola marxe dereita da vía.

A intervención tamén inclúe a instalación de tubaxe de 600 mm baixo o firme da senda. Ademais, executarase unha obra de drenaxe transversal para cruzar o rego de Lamas baixo a vía.
Ademais as actuacións inclúen a mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

Trátase de obras deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos.

Esta intervención, cun investimento de preto de 200.000 euros, está incluída nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.