Friday 22 de November de 2024

Os Museos Científicos Coruñeses abren de novo as súas portas aos escolares


A partir do luns xa está dispoñible o servizo de reservas para os grupos educativos, que poderán gozar das exposicións e actividades que se programaron para este curso

A alcaldesa da cidade, Inés Rey, sinalou que a reapertura é un sinal de “que estamos volvendo a normalidade e retomamos a nosa actividade cultural e divulgativa”

A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrrae xa están preparados para recibir aos grupos escolares que desexen complementar os contidos curriculares con experiencias fóra da aula.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que a reapertura é unha boa sinal de que estamos volvendo a normalidade e retomamos a nosa actividade cultural e divulgativa, e apuntou que “o coñecemento ten que ser a prioridade de todos os gobernos”. “Debemos impulsar a ciencia desde a escola con iniciativas nos museos, e que A Coruña amose os seus avances e curiosidades aos escolares dunha forma diferente”. Neste senso, afirmou a rexedora, “A Coruña ten que aproveitar o enorme potencial da súa rede de museos científicos, xa que é un dos seus principais sinais de identidade”.

A Casa das Ciencias estreará novos módulos interactivos na súa sala de experiencias de física, que convidarán a investigar efectos singulares, facerse preguntas e aprender a procurar respostas sobre fenómenos relacionados coa luz, as ondas sonoras ou as forzas magnéticas. Ademais, a oferta escolar para este curso ofrece un abano de programas de Planetario para os diferentes niveis educativos, incluíndo sesións en directo sobre o ceo que se pode contemplar na data da visita.

Na Domus a visita polas salas de experiencias interactivas pódese complementar con sesións de cinema e con actividades e obradoiros no Laboratorio Aberto e na sala maker@domus. Experimentar coa técnica da PCR, diseccionar flores, explorar diferentes aspectos da nutrición, ou construír unha variedade de mecanismos e artefactos tecnolóxicos utilizando materiais sinxelos e moita imaxinación, son algunhas das súas propostas.

No Aquarium Finisterrae a principal novidade é a oferta de itinerarios e obradoiros cos que os escolares poderán complementar a súa visita. Os grupos de Educación Infantil terán a posibilidade de reservar unha visita guiada adaptada ao seu nivel; os de Educación Primaria poderán iniciar a súa visita cun percorrido polos acuarios da sala Maremagnum; para os grupos de Secundaria e Bacharelato, a actividade «Viaxe ao Nautilus» ofrece unha charla sobre as especies que habitan o maior tanque do acuario, ou un obradoiro sobre a bioloxía das quenllas na Charca das Caricias. E para todos os niveis educativos, ofrécese unha charla divulgativa sobre as focas e o adestramento que reciben no momento en que se lles dá de comer.

Os grupos escolares gozan de tarifas reducidas para o acceso aos Museos Científicos. No caso dos centros educativos do municipio da Coruña a entrada é gratuíta.

A información completa, o procedemento para solicitar unha visita e o formulario de solicitude están dispoñibles na páxina web dos Museos Científicos: www.coruna.gal/mc2/é/visitas-escolares